Ourense | Os encoros da provincia seguiron acumulando auga durante a pasada semana, aínda que o incremento diminuíu considerablemente respecto á anterior.
Os vinte e un encoros da provincia, a maioría deles nas concas dos río Sil e Miño, completan o 87,7% dos 1.500 Hm³ que son capaces de embalsar, fronte ao 84,9 con que pecharon a semana anterior. Supón un 3,9% (46,5 Hm³) máis de auga na totalidade das presas, mentres que na semana anterior o aumento foi do 16,73% (208,4 Hm³ máis)
Cinco deles mesmo reduciron auga embalsada e un mantén o rexistro anterior. Os que máis reduciron foron os de O Bao, o que máis cunha diferenza de 7 Hm³ liberados, e Albarellos con -4,4 Hm³.
Das vinte e unha presas, dezaseis pasan o 80% da súa capacidade de embalsado. Delas, nove exceden o 90%. Á cabeza volven situarse Peñarrubia, no río Sil e Chandrexa de Queixa, no río Navea, afluente do Sil, ao 98,6 e ao 97,6, respectivamente, así como o encoro de San Martiño (río Sil) ao 98% de enchido.
Séguelle o de As Portas (Camba-Conso) ao 96,4%, o que supón o maior volume de auga retida de todos os da provincia (con moita diferenza), 516,51 Hm³ dos 535,71 da súa capacidade.
O de Cenza, o encoro a maior altitude, sitúase agora ao 76% da súa capacidade. A maior progresión con respecto á semana anterior corresponde ao encoro de As Cunchas, no río Limia, que acumulou no últimos sete días case 14 Hm³ máis de auga e sitúase agora ao 45% da súa capacidade. Na foto a presa de Velle, na capital da provincia.