O Porriño | Un grupo de alumnas/os do CEIP Xosé Fernández López inaugurou hoxe as visitas guiadas á Casa Consistorial nas que participarán preto de 400 escolares do municipio.
A concellería de Educación, que dirixe Carolina González, a través da OMIX, organiza esta actividade para que as/os nenas/os poidan coñecer de primeira man os diferentes departamentos dos que se compón o Concello do Porriño e o traballo que se desenvolve no consistorio.
“Con esta iniciativa de portas abertas pretendemos dar a coñecer en profundidade o Concello ás/aos máis pequenas/os, xa que normalmente só teñen acceso á zona de rexistro cando van acompañados dun adulto, e tomen conciencia da importancia de participar na vida municipal”, apuntou a concelleira, Carolina González, “Hoxe visitounos alumnado do CEIP Xosé Fernández López e nas próximas semanas recibiremos ao IES Pino Manso, CPR Hnos. Quiroga, CEIP P. Antonio Palacios, CEIP da Ribeira, CEIP Cruz Budiño, CEIP P. Atios , Aceesca, CPR Santo Tomás e IES Ribeira do Louro”.
Acompañadas/os por unha funcionaria municipal que actúa como guía, poden coñecer a historia do edificio e as funcións das distintas salas e espazos, así como as dos órganos municipais que ocupan cada unha delas. Percorren os corredores do Concello, salón de plenos, o balcón dende o que tradicionalmente se pregoa o inicio das Festas do Cristo, Entroido, etc…
As visitas finalízan na Alcaldía, onde son recibidos polo rexedor, Alejandro Lorenzo, que se encarga persoalmente de explicarlles cal é a súa función e como é o seu día a día. “Para min é un pracer recibilos, amosarlles o que se fai no Concello e facelos partícipes. Pero tamén o é escoitalos e aproveitar este momento para resolver as súas dúbidas, contestar as súas preguntas e tamén recoller as propostas que teñen para mellorar o seu pobo e o seu colexio”, explicou Lorenzo.
“Estar con elas/es sempre é enriquecedor para min, como persoa e como Alcalde, xa que teñen moito que dicir”.