Actual presidente da Xunta de Galicia desde que en 2022 o seu antecesor Alberto Núñez Feijóo aceptou liderar o Partido Popular a nivel estatal, Alfonso Rueda afronta a súa primeira cita electoral co obxectivo de garantir a quinta maioría absoluta para o PPdeG.
Por primeira vez ten que enfrontarse ao “touro na praza” e non velo dende o burladero. Con que “manoletinas” pretende Vde. saír a ombros da praza?
Non vexo tanto as eleccións como un enfrontamento senón máis ben como un exame, unha proba. Os galegos porán nota a estes anos de xestión do Partido Popular. E, precisamente, creo que ese balance e as nosas propostas de futuro son as nosas mellores bazas.
Os galegos saben que hoxe pagan menos impostos, pero seguen tendo uns servizos públicos de primeira; que os nenos e nenas de 0-3 anos teñen gratis a súa atención educativa; que temos o calendario de vacinas máis completo do mundo; que mozos e mozas, e agora maiores tamén, viaxan gratis en autobús; que os dependentes teñen máis axudas; ou que os primeiros autónomos que boten a andar o seu negocio terán cota cero. Iso é o que fixemos, e o que queremos seguir facendo os próximos anos, por exemplo, coa gratuidade das matrículas universitaria ou aumentando a vivenda pública.
As Autonomías nestes momentos andan revoltas, sempre polos ingresos. Como vai enfocar, no caso de saír vencedor, este tema coa Administración Central?
É que os ingresos son fundamentais: sábeo calquera galego, que ten que saber que diñeiro entra na súa casa para facer as contas. Por exemplo, nós tivemos que deseñar os orzamentos, coma quen di, a cegas, porque o Goberno central non pasaba as súas previsións, ocupado noutros temas.
“As autonomías estamos preocupadas, e con razón, porque o Goberno central está dinamitando o noso modelo multilateral”
O que sucede agora é que as autonomías estamos preocupadas, e con razón, porque o Goberno central está dinamitando o noso modelo multilateral para substituílo por reunións bilaterais nas que compromete recursos que son de todos. Ademais, a solución que pacta, como un traxe á medida, coa comunidade máis endebedada non ten que ser a máis axeitada para unha das menos endebedadas, como é Galicia.
O que reclamaremos será o mesmo que hai anos que reclamamos: unha revisión do sistema de financiamento. É evidente que ao longo dos anos o modelo actual evidenciou algunhas debilidades de deseño e unha falta de suficiencia global. Pero esa revisión debe partir da multilateralidade e a transparencia, non de negociacións a dous bandas e entre bambalinas. Os galegos teñen que ter exactamente os mesmos dereitos que os cataláns ou que calquera español. E iso si que é innegociable.
No suposto, pouco probable, de que VOX conseguira un ou dous deputados necesarios para alcanzar a maioría, aceptaría esa coalición?
É que non se vai dar ese suposto, non é un escenario realista. En toda Galicia, Vox só ten un concelleiro. Ademais, nós presentámonos ás eleccións co obxectivo de gañar con maioría absoluta, para seguir gobernando con estabilidade e previsibilidade. Saímos á campaña só con esa meta. Os que van ás eleccións coa calculadora na man son outros.