Entrevista | Encarna Lago leva a xerencia da Rede Museística da provincia de Lugo. Esta idea de ter unha rede de museos interconectados, permitiu segundo Lago, a existencia de pequenos museos en toda a provincia. Ademais do labor museístico, non só expositivo, senón científico de investigación e de achegamento á comunidade educativa, a Rede quere aportar a súa achega ao desenvolvemento sostible.
Cal é o obxectivo da Rede Museística de Lugo?
Ser museos onde o que importa son realmente as persoas. Desde unha dimensión de investimento sostible, nun museo igualitario e inclusivo, onde o patrimonio, a comunidade e o territorio vaian da man.
Como se articula a xestión desta rede provincial de museos?
Ningún dos museos que a compoñen poderían existir sen a rede. Para ser un museo tes que ter un traballo de difusión, conservación e didáctica. Os museos non son só espazos expositivos, teñen que cumprir outras funcións. Un museo é unha entidade sen ánimo de lucro ao servizo da sociedade.
E o nacemento da mesma como se articulou?
Os funcionarios e funcionarias propoñemos á Deputación en 2006 que se cree unha rede museística onde os departamentos científicos do Museo de Lugo prestarían o seu servizo aos demais da provincia, con iso nas entidades máis pequenas habería persoal de custodia e vixilancia e tamén de educación ademais de que algúns teñen arquivo e bibliotecario ou bibliotecaria.
Como inflúe o feito de ser museos sostibles?
A sustentabilidade ten tres dimensións, a social, a económica e a medio ambiental. Por unha banda aforramos cartos e por outa parte, cumprimos o estar máis perto da cidadanía. O Museo do Mar está nunha vila mariñeira, a poboación terá máis interese en conservar o patrimonio material e inmaterial que calquera que non viva alí. É por tanto, un modelo descentralizador que busca un achegamento patrimonial ao territorio.
Ao territorio onde están instalados cada un dos museos.
A Rede é unha maneira de vida, unha maneria de xestionar coas persoas, coa comunidade, estendendo lazos de afecto pois os museos teñen que servir as persoas, senón non teñen sentido. Estendemos unha rede, buscamos que as comunidades arredor dos museos, a comunidade investigadora vaia con nós, a comunidade das familias e da educación. Fomos o primeiro museo que traballamos en temas de accesibilidade. Traballámolo de fóra para dentro e de dentro para fóra.
Estender a rede inclúe tamén as redes sociais?
Fomos o primeiro museo galego en estar nas redes sociais. Serviunos para entrar en contacto coa nosa xente e así poder mostrar o noso modelo museístico.
Cales son os proxectos máis recentes?
Temos proxectos en todas as áreas. Por unha banda, a parte expositiva de todos os proxectos expositivos temporais que pode haber. Desde a parte educativa presentamos a primeira programación para o curso escolar, onde explicaremos as diferentes prezas que compoñen a parte de exposición, é unha programación ambiciosa e novidosa. Así queremos aportar solucións desde o mundo da cultura a diferentes cuestións que presentan os máis novos. O noso plan de igualdade tamén se estende por toda a rede museística, o que crea patas e nodos para xuntarse con outros semellantes.