A Coruña | Os músicos Alejandro Guillán Baiuca e Laura Lamontagne son os protagonistas do novo capítulo de Conseguiremos, a serie coa que a Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela abren o proxecto Novas voces para a lingua para conectar a mocidade co idioma.
Na peza audiovisual, gravada no Porto de Santa Cruz (Oleiros), os dous mozos conversan sobre a capacidade de chegar coa música en galego “a calquera parte do planeta”. A produción presentouse a finais de 2020 coa estrea do episodio protagonizado pola futbolista Verónica Boquete –rodado no estadio compostelán que leva o seu nome– e completarase coa difusión doutros tres diálogos entre mozos e mozas que son exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida, da creación e do desenvolvemento profesional.
Alejandro Guillán (Catoira, 1990) e Laura Lamontagne (Lugo, 1993) teñen en común a súa aposta pola fusión do herdo cultural e a vangarda musical. “Creo que temos que saber mirar un novo mundo no que o idioma non é algo pechado. Se se fai con outras músicas que veñen aquí, por que nós non imos ir tamén a outro lado?”, reflexiona Alejandro Guillán, que colleita éxitos mesturando a música tradicional e a electrónica. “Temos que atopar esa universalidade na literatura, na cultura e no idioma galegos que os faga saír fóra”, concorda Laura Lamontagne, que fusiona tamén a electrónica ou o hip-hop con versos da literatura, oral e escrita, dende as cantigas de Martín Códax a Rosalía de Castro.
Nas vindeiras semanas estrearanse os demais capítulos de Conseguiremos, os diálogos protagonizamos polo director de cine Andrés Goteira e a estudante de cine Sara Hermo; Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, as actrices da Panadaría Teatro, e o tamén actor Daniel Celester; e a psiquiatra e divulgadora Iria Veiga e o xenetista Ángel Carracedo.
A serie é a resposta á proposta da RAG que concibiron Paula Quiroga (directora), Lois Alcayde (guionista) e Meritxell Álvarez (produtora). Os tres estudantes de Xornalismo e Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela fixeron realidade a primeira edición de Novas voces para a lingua co apoio de tres profesores do mesmo centro, Ana Isabel Rodríguez, Gaspar Broullón e Martín Vaz, e da propia Academia.
“Co título xenérico Conseguiremos, que é tamén unha declaración de intencións, vontade e entusiasmo, os autores e os protagonistas da serie queren amosar unha maneira de falar a lingua galega”
“Co título xenérico Conseguiremos, que é tamén unha declaración de intencións, vontade e entusiasmo, os autores e os protagonistas da serie queren amosar unha maneira de falar a lingua galega, a lingua dos seus pais, mais sobre todo a lingua que eles e elas, as novas xeracións, escollen libremente non só para expresarse e relacionarse senón para crear, para vivir a contemporaneidade, para producir cultura e mesmo para desenvolverse profesionalmente no mundo das artes escénicas, a música, a ciencia, o deporte, o cinema…”, salienta o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. “Queremos darlles voz a novos creadores e creadoras que nos instalan decididamente, con afouteza e sen complexos, no século XXI. A lingua é nosa, facémola entre todos. Cada xeración é un pulo de esperanza, unha voz que inaugura o mundo”, engade.
Ana Isabel Rodríguez destaca a “motivación que constitúe para o alumnado construír un proxecto en colaboración coa Real Academia Galega e que ten unha difusión real”. “O compromiso da Facultade de Ciencias da Comunicación para proxectar esas novas voces creativas arredor da lingua permanece vixente na Facultade de Ciencias da Comunicación”, afirma.