Lugo | Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, vén de manter un encontro cos músicos da Banda para comunicarlles que o procedemento xudicial que afectaba á súa situación laboral concluíu definitivamente e que a sentenza se dá, xa, por executada.
A rexedora, que acudiu á reunión acompañada pola concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, trasladoulles que, dende o primeiro momento, “a vontade do goberno local foi rematar coa incertidume que existía sobre os seus postos de traballo, para mantelos e, se era posible, melloralos”.
“Cumprindo e acatando sempre as obrigas legais – sinalou Lara Méndez – tratamos de artellar todos aqueles mecanismos que permitiran a simultaneidade das súas funcións como docentes e músicos, co obxectivo claro de evitar o peche da Escola Municipal de Música e os prexuízos que ocasionaría á cidadanía e, en particular, aos máis de mil alumnos e alumnas que son usuarios do centro na actualidade”.
“Cumprindo e acatando sempre as obrigas legais – sinalou Lara Méndez – tratamos de artellar todos aqueles mecanismos que permitiran a simultaneidade das súas funcións como docentes e músicos, co obxectivo claro de evitar o peche da Escola Municipal de Música”
Méndez admitiu que “tratar de conciliar todos estes aspectos demorou máis do desexado o procedemento” e indicou que, segundo os criterios técnicos, a solución máis garantista pasaba por vencellar a regularización e consolidación deste perosal coa aprobación dun plan de ordenación de recursos humanos.
A alcaldesa referiu que na actual Relación de Postos de Traballo, que entrou en vigor o ano pasado, figuran 20 prazas de músicos a tempo completo, que ademais das funcións ligadas estritamente á interpretación na Banda de Música asumen, tal e como se prevé no manual de funcións aprobado, as de mestres na Escola Municipal de Música.
“O fito de contar con esa RPT actualizada e realista para coas necesidades da administración, supuxo tamén poder ocupar e provisionar definitivamente estes postos por doce funcionarios de carreira e seis empregados con contrato laboral fixo a tempo completo, ademáis da vacante por excedencia e a praza de director, substituíndo, así, aos 24 postos a tempo parcial que contemplaba o documento anterior, do 2006, e completamente obsoleto”, afirmou a rexedora.
A tenente de alcaldesa e responsable da área de Recursos Humanos, Paula Alvarellos, explicou que esa nova ordenación do persoal operou, por tanto, unha modificación dos postos de traballo. “Por unha banda – dixo – permitiu suprimir catro prazas que se atopaban vacantes e, ao mesmo tempo, incluír as funcións docentes e/ou de apoio docente na Escola Municipal de Música, sen que, nesta ocasión, se teña producido ningunha impugnación ao respecto, senón que obtivo os preceptivos informes favorables durante a súa tramitación administrativa”.
“Unha reorganización que tiña dúas finalidades moi claras. A primeira, incrementar a tempo completo a xornada laboral das e dos músicos e unha segunda baseada no feito de que é, precisamente, sobre o persoal adscrito á Banda de Música onde se sostén a aposta deste Goberno por unha Escola Municipal de Música, que tan estimado servizo leva dando dende o ano 2012 á veciñanza lucense”, sostivo a edil de Gobernanza que concluíu ratificando, pois, que “a situación dos empregados públicos con praza de músicos no Concello de Lugo pode entenderse na actualidade regularizada”.