Natural de Mondariz pero veciña de Ponteareas, Maite Isla é actualmente a presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), entidade que impulsa desde 1991 o programa “Vacacións en Paz”, na que nenoa e nenos saharauís pasan un par de meses en familias de acollida en diversos Concellos galegos.
Nova edición do programa Vacacións en Paz. Que balance pode realizar desta iniciativa solidaria que leva máis de tres décadas de andaina?
Totalmente positivo. Os nenos viñeron a Galicia o 24 de xuño e marchan este 4 de setembro. É como se comezáramos de novo tras dous anos de pandemia. Había nenos que era a primeira vez que saían dos campamentos de refuxiados de Tinduf (Alxeria) e, a súa vez, tiñamos nesta edición que un 80-90% das familias de acollida tamén facíano por vez primeira.
Segue sendo positiva a receptividade das familias de acollida?
Totalmente. Pode haber algún caso excepcional de problemas de adaptación pero as enquisas de balance que facemos unha vez remata a edición correspondente sempre é positiva para as familias e os nenos. De feito, os nenos regresan aos campamentos de refuxiados falando galego e con acento. E incluso cando nós imos a Tinduf, como será no vindeiro mes de decembro, seguen falándonos en galego.
“O balance de Vacacións en Paz é totalmente positivo”
Como están sendo as condicións de vida nestes campamentos? Que tipo de axuda é necesaria?
Hai que tomar en conta que é un deserto inhóspito, que dificulta obviamente as condicións de vida que son precarias. Coa pandemia e as fronteiras pechadas non se puido enviar a axuda humanitaria. Con todo, funciona moi ben o tema sanitario porque a República Árabe Saharauí Democrática (RASD) ten convenio con Cuba e hai varios médicos cubanos de tódalas especialidades traballando nos campamentos fancendo un traballo increíble. Grazas a isto a penas existiu o COVID nos campamentos.
Tamén dende o Estado español hai comisións sanitarias para enviar axuda aos campamentos e a de Galicia é das mellor recoñecidas. Desta vez van 300 caixas de medicamentos no avión que os leva de regreso, coordinados polo delegado saharauí en Galicia, Mohammed Mehdi Zerga, así como do SERGAS, que facilitou bastante instrumental sanitario.
“Teño esperanzas dunha solución política viable para o Sáhara”
Atrévase a dar unha solución viable para o Sáhara Occidental.
Teño esperanzas dunha solución política viable, senón non seguiría facendo este labor. Non é doado porque os distintos gobernos van pasando e miran para outro lado. Para mín non foi sorpresa o recente xiro diplomático por parte do goberno de Pedro Sánchez pero si nos sorprende que PODEMOS e Esquerda Unida, con quen tanto temos traballado pola causa saharauí, non fixeran nada por evitalo. Debían facer unha oposicion máis firme.
Aproveite a oportunidade para lanzar unha mensaxe que podería beneficiar aos nenos saharauis
Nós agora faremos unha avaliación cos delegados de zona e coas familias de acollida, traballando dende xa en Vacacións en Paz 2023. Fago un chamamento a tódolos lectores do xornal e ás persoas para irse anotando no programa a través das nosas delegacións nos Concellos e comarcas galegas. Están a disponibilidade o tlf 986 26 26 37 (polas mañás) e o email: asociacionsogaps@yahoo.es.
O ideal sería que os nenos refuxiados estiveran pasando as súas vacacións na súa patria, o Sáhara. Nós seguiremos loitando por unha causa que consideramos xusta.