Ponteareas | Os orzamentos para o ano 2024 xa están aprobados por maioría absoluta grazas aos votos a favor do equipo de goberno. O concelleiro de Facenda, Francisco Represas, indicou no pleno municipal onde se procedeu á votación definitiva que “por primeira vez nunha década, as contas do Concello de Ponteareas entrarán en vigor en tempo e en forma”. Os grupos da oposición, BNG, PSOE e PeC votaron en contra.
Así, logo de que o Concello tivese o orzamento do 2022 prorrogado durante todo o ano 2023, a maioría absoluta do grupo de goberno permite que por primeira vez Ponteareas dispoña dunhas contas planificadas que dan resposta ás necesidades dos veciños e das veciñas desde o mesmo 1 de xaneiro.
Ao orzamento, presentáronse doce alegacións das que se desestimaron nove e se incluíron tres. Trátase de modificacións que non afectan ás cifras totais dos ingresos, que ascenden a 20M de euros, nin aos 19,5M de euros contemplados para o investimento na vila.
“Coas contas para o ano 2024 (…) cúmprense demandas da veciñanza”
Coas contas para o ano 2024, que xa están aprobadas de forma definitiva toda vez que se ratificou no pleno e logo de que a Deputación de Pontevedra o publicara no Boletín Oficial da Provincia, cúmprense demandas da veciñanza como é o aumento das horas de asistencia ás persoas dependentes do grao II e III do Servizo de Axuda no Fogar ata alcanzar o 100% ou o incremento nun 82% da partida destinada ao baleirado de fosas sépticas así como a construción da rede de saneamento da parroquia de Ribadetea para a que se destinarán 380.000 euros.
De igual xeito, os servizos de emerxencias e de extinción de incendios contarán cun novo convenio co que se mellorará a súa capacidade e recursos.
Ademais, coa aprobación definitiva das contas do Concello de Ponteareas, o equipo de goberno destinará unha partida de 3,9M de euros aos servizos sociais, xuventude e voluntariado, unha contía que supón un 20% do orzamento. Crearase a área infanto-xuvenil, mellorarase a xestión do centro de reparto de alimentos e, entre outras cuestións, incorporarase un servizo de acompañamento. Outra das partidas que destacan nas contas do Concello é a que se destina á recollida, eliminación e tratamento de residuos, dotada con 1,8M de euros e os 220.000 euros que se investirán no polígono industrial de A Lomba.
Na partida de investimentos, salienta tamén o aumento nun 71% das subvencións e nun 63% as achegas aos centros culturais así como os 600.000 euros que se destinarán á reforma da residencia de maiores ou os 400.000 euros para a rehabilitación da Ponte dos Remedios, entre outras cuestións. Do mesmo xeito, destaca o incremento do gasto dirixido a actividades culturais e festivas nun 554% e dun 233% para as actividades que teñen que ver coa promoción do deporte.
Deste xeito, o Concello de Ponteareas contará para o próximo ano con máis de 20M de euros no apartado de ingresos e investirá na vila 19,5M de euros. O superávit resultante, de 1,5M euros, destinarase a saldar a débeda municipal contraída polo anterior goberno.