O líder do PP Alberto Núñez Feijóo confesou haber recibido “presións de todo tipo” para acordar co goberno de Pedro Sánchez a renovación do Poder Xudicial, desbloqueando así cinco anos de atasco. O “compromiso” e “lealdade institucional” en aras de preservar a estabilidade nestes tempos de polarización política semella ser o leitmotiv deste pacto que, visto en perspectiva, permite igualmente intuír as súas conexións en Bruxelas e os novos equilibrios políticos europeos.
Salta aquí un nome propio: Úrsula von der Leyen, entronizada este 27 de xuño para un novo período como presidenta da Comisión Europea (CE) ata 2029. Mirando o panorama político europeo tralas recentes eleccións parlamentarias do pasado 9 de xuño (9X) existen indicios que apuntan á posibilidade de que o acordo entre o PSOE e o PP para reformar o Poder Xudicial (e as súas repercusións máis de caracter local como foi a xuntanza en Vigo este 25 de xuño entre o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o Alcalde Abel Caballero) teñen un fío común, directa ou indirectamente, ligado a von der Leyen.
A recen reelixida presidenta da CE precisa de novos equilibros políticos entre as “familias políticas” conservadoras e as socialdemócratas nesta etapa que se asume convulsa para a UE. O avance da ultradereita no vindeiro PE (25% dos escanos parlamentarios) reflicte o ascenso de figuras como a italiana Giorgia Meloni que, xunto co seu aliado o presidente húngaro Viktor Orbán, reclaman mais peso político en Bruxelas. Na recámara está tamén Marine Le Pen e o seu partido RN, vencedor en Francia das eleccións europeas e que pode subir aínda mais de cara ás eleccións lexislativas nese país o vindeiro 30 de xuño. Todos eles, Meloni, Orbán e Le Pen teñen en España un aliado común: VOX.
“A recen reelixida presidenta da CE precisa de novos equilibros políticos entre as “familias políticas” conservadoras e as socialdemócratas nesta etapa que se asume convulsa para a UE”
Úrsula von der Leyen manexa agora os novos equilibros de poder en Europa con dúas figuras clave: a primeira ministra estonia Kaja Kallas, en búsqueda e captura por parte de Rusia, que substitúe a Josep Borrell como Alta Representante da Política Exterior da UE, o que augura maior tensión con Moscova precisamente ante as expectativas europeas de ampliación da guerra ucraína cara os países bálticos. O outro nome propio é o socialista António Costa, ex xefe de goberno de Portugal, hoxe novo presidente do Consello de Europa. Con isto, von der Leyen asegura un pacto en Bruxelas entre “populares” e socialistas para repartirse os principais postos políticos na UE, mantendo un “cordón sanitario” contra a ultradereita que encarnan Meloni, Orbán, e VOX.
“Populares” e socialistas asumen as bandeiras do europeísmo que von der Leyen e o presidente francés Emmanuel Macron queren revitalizar neste período convulso co avance da ultradereita, o mantemento do apoio a Ucraína (que, xunto con Moldavia, xa iniciou negociacións de admisión na UE) e a guerra encoberta con Rusia vía OTAN. A visita de von der Leyen a Galicia previo ao 9X concretou estes flecos: é preciso un pacto de Estado en Madrid no que Sánchez e Feijóo acorden compromisos institucionais en “puntos quentes” como o Poder Xudicial e a Lei de Amnistía en Cataluña.
Pero non é só Europa senón tamén Iberoamérica o foco de atención de von der Leyen. A visita de Javier Milei a Madrid, coa “homenaxe” da súa presidenta Isabel Díaz Ayuso, traduce as expectativas da ultradereita europea por afianzar vínculos transatlánticos pola vía do excéntrico mandatario arxentino.
Por outra banda, o fracaso dun intento de golpe militar en Bolivia este 26 de xuño terá igualmente incidencia para a política exterior europea: como voceiro da UE, Borrell denunciou este suceso toda vez o propio Pedro Sánchez aspira liderar unha “cruzada anti-ultradereita” que apunta a conter a Milei, Meloni, VOX e outros aliados.
Velaí a urxencia dos pactos tanto en Bruxelas como na Moncloa. Pactando con Sánchez a reforma do Poder Xudicial, Feijóo toma distancia tanto de VOX como das forzas máis “ultra” dentro do PP (Ayuso e Aznar) O bipartidismo PP-PSOE ten así impacto nas instancias españolas e europeas. E Úrsula von der Leyen confirma así o seu poder na UE.