Pinto d´Herbón é o regueifeiro de referencia para moitas persoas amantes deste estilo de copla popular. Xunto co seu compañeiro O Caruncho, foron aprendendo polos centros de ensino esta arte ata que, un tempo despois, apareceron novas xeracións de regueifeiros e regueifeiras que darán continuidade ao divertimento coa ironía propia deste estilo. Tal é así que o seu fillo Xairo xa está percorrendo diferentes camiños para demostrar todo o aprendido.
-Este xullo pasado estiveron na casa de Rosalía en Padrón o teu fillo Xairo e Alba María. Xa se ven os froitos de levar a regueifa aos centros de ensino.
O que facemos O Caruncho máis eu cando imos a un centro de ensino é levarlles un tema para que fagan unha copla e que o pasen ben. A partir de aí, todo é andar o camiño ata que se poda regueifar. Logo veñen os pasos para que fagan unha copla e que o pasen ben, se o pasan ben, o camiño está medio andado.
-Hai xente que non entende ben os segundo sentidos, a ironía dentro das regueifas, nunca che pasou que che chamasen a atención?
Normalmente hai xente que non entende porque non queren entender. Enténdeno cando se usa a ironía contra outro, pero cando é contra un mesmo pois non entende. Pero cada quen é como é. Se me chamaron a atención, pois cando comezaba non usaba tanto a ironía senón que era máis directo, había quen non asimilou tan ben, pero asimilei eu mellor o golpe.
-Os pementos de Padrón pican menos ou máis coas regueifas?
Non, pican menos, porque normalmente póñense a escoitar e cando están escoitando están en período de reposo e nese momento cóllelos a traizón e entón non pican, porque teñen as defensas baixas.
-Entón algunha regueifa vai caendo mentres se recollen.
Pola conta que nos ten e non nos molesten nos intestinos, si.
-Mantés o mesmo ritmo nas regueifas que ao comezo?
Normalmente o ritmo que temos o Caruncho máis eu é diferente. Porque antes tiñamos un ritmo máis rápido, pero agora ás regueifas dámoslle un ton máis de cantar de cego.
-As novas xeracións de regueifeiros introducen novos temas, cales son os que máis te sorprenden?
Pois os temas das novas tecnoloxías que eles entenden moito máis. Eu polo menos non o miro tanto, esta xente non lles escoitarás nunha copla “pásalle o arado” porque xa non saben nin o que é. Eles falan sobre todo de instrumentos como o móbil que xa naceron con el.
-Agora falo con Xairo (colle Xairo o teléfono) Vinte na Casa de Rosalía con Alba María, ti como adestraches para ser regueifeiro?
Empecei de pequeno, cando os escoitaba a eles regueifar e acaboume gustando. Cando tiña ganas regueifaba co meu pai, logo cando pedía cousas o meu pai dicía que llas pedira regueifando, ata que un día estaban cantando e quixen entrar á regueifa e de aí ata hoxe.
-A regueifa ten outros nomes noutros lugares?
Só escoitei regueifa, pero despois escoitei outros cantos improvisados pero que teñen unha métrica distinta.
-Vas acompañado para facer regueifas ou vas só?
Iso non depende de min, quen chame chamarame a min e a outra persoa para acompañe. Ultimamente fun ao certame de Regueifesta e despois a Ponteceso, Vigo e temos ido a Barcelona pero hai tempo.
-E ata cando regueifarás, ata o último día?
Ata que aguante o corpo.