Carballo | A Milagrosa acolleu este domingo a segunda feira dende que rematou o estado de alarma. Despois de axustar a redistribución dos postos da feira anterior de maneira coordinada con representantes dos vendedores ambulantes, optouse por manter o emprazamento habitual da feira, aínda que para garantir a separación mínima entre postos de 1,5 metros foi preciso reducir o seu tamaño, ademais de ocupar un treito da rúa Río Miño con postos aos dous lados para re-situar aqueles nos que resultaba imposible manter as distancias recomendadas.
Con esta decisión consensuada, o Campo da Feira queda distribuído como se aprecia no plano axunto.
A Concellaría de Feiras e Mercados agradece a boa disposición dos vendedores ambulantes para organizar a feira, así coma a colaboración da veciñanza das rúas afectadas, nas que lembramos que non poderán estacionarse vehículos nin se permitirá a circulación, agás para emerxencias, dende as 22:00 horas do sábado ata as 16:00 horas do domingo de feira.
Na Praza do Concello mantense, tanto os domingos de feira coma os xoves, a distribución das últimas semanas. E tanto nunha feira coma na outra é preciso que vendedores e compradores respecten as medidas de seguridade e hixiene, utilizando máscaras, realizando unha hixiene axeitada de mans, evitando tocar os produtos e respectando as distancias.