A Coruña | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reuniuse esta mañá en María Pita cos alcaldes e alcaldesas que integran o Consorcio das Mariñas para explicarlles os plans que o goberno local ten para a planta de tratamentos de residuos de Nostián, así como as modificacións do novo prego de condicións técnicas e administrativas do servizo que está a redactar a concellería de Medio Ambiente e que aínda se atopa nunha primeira fase, “Cando chegamos o prego non estaba redactado, senón nunha fase inicial”, apuntou a rexedora. Rey comunicoulles aos seus homólogos o estado no que se atopa a redacción do prego de contratación do servizo de xestión de residuos da planta de Nostián.
Inés Rey, que confirmou que o novo prego non estará listo para finais de ano, descartou a posibilidade de que se teña que esgotar a prórroga do contrato para o tratamento dos residuos “a idea non e esgotar a prórroga en ningún caso, a idea é dar garantías xurídicas nun contrato que terá unha duración de vinte anos”.
A alcaldesa explicoulles que o goberno local aínda non concretou a fórmula da futura concesión da planta de Nostián e comprometeuse a estudar as demandas dos concellos do Consorcio e, se non fose posible, establecer plans personalizados con cada concello.