Velaí o dilema no que estamos atrapelados desde hai ben tempo. Para resolvelo debemos saír deste encerello admitindo que son moitos e diversos os axentes causantes desta parálise. Nada de aplicar razóns cartesianas e simplificadoras, porque a responsabilidade ao tempo que está xerarquiza, tamén moi repartida e non admite maniqueísmos.´
A normalización da lingua galega en todos os ámbitos sociais é unha tarefa que incumbe,en primeiro lugar a todos os poderes públicos, sen excepcións; pero tamén a todos os seus organismos autónomos.
Descargar toda a responsabilidade da galeguización no entramado xurídico-institucional, que non é máis que unha parte do problema, é negar a súa complexidade.
Non debemos esquecer que existen, alén das administracións públicas, outros poderes que non asumen as responsabilidades do proceso. Refírome ás organizacións políticas e sindicais, por exemplo, que teñen notable influencia en cadanseu sector social. As súas aportacións ao proceso regaleguizador son anecdóticas.
Mais hai un terceiro nivel, cunha base social moi ampla, que tamén permanecen inactivo, cando non indiferente cos valores patrimoniais que nos definen: o variopinto movemento asociativo cultural e veciñal que vertebra a sociedade civil, dirixido moitas veces por axentes pertencentes ás organizacións políticas carentes de programas pedagóxicos de galeguización.
Cómpre artellar programas participativos e anovadores baseados na oferta positiva.
Hai que converter o pesimismo da razón no optimismo da vontade. Con esa filosofía actúan as asociacións do colectivo Galeguizar Galicia. Todas elas, sen solapamentos nas súas actuacións, están a poñer en pé un relato novo de normalización lingüístico movendo os ríxidos marcos que coutan a expansión do discurso.
Remata o ano 2017 e o balance que ofrecen todas as asocacións do colectivo caracterízanse pola progresión nos avances acadados. Velaí están as campañas do Foro E. Peinador e a Irmandade Galega de Agroalimentarios chamando aos consumidores a preferiren produtos galegos e entre eles aqueles que se etiquetan no noso idioma; labor complementado polos premios Bacelos de Prada da Asociación Álvaro das Casas. Outro tanto están a facer en cadanseu ámbito a Irmandade Xurídica Galega e a Irmandade da Sanidade Galega, ambas as dúas integrantes da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, e a Fundación L.Peña Novo.