Os socialistas de Ourense celebraron a III edición de Conmemora

Entregaron os premios a Mercedes Bouzo e Gumersindo Penín

Maceda | O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar a III edición de ConMemora, a xuntanza provincial do socialismo ourensán, que nesta edición tivo un carácter especialmente europeísta, debido as eleccións que se celebrarán o vindeiro 9 de xuño. Baixo o lema “Europa socialista faina túa”, as e os socialistas congregaron a máis de 150 persoas na carballeira do Castelo de Maceda.

No acto estiveron presentes o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino; o candidato ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares; a candidata ao Parlamento Europeo por Ourense, Lorena Guerra; e a alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo de Dios. O acto estivo presentado pola secretaria provincial de igualdade, Beatriz Domínguez Blanco.

ConMemora naceu como xornada de celebración do socialismo ourensán para lembrar a efeméride que lle serve de base: a voda do ourensán Pedro de la Iglesia e a compostelá Juana Pose na igrexa da freguesía da Trinidade de Ourense, acontecida o 24 de abril de 1.841. Nesta edición os premios ConMemora recaeron en Mercedes Bouzo Nóvoa, afiliada na cidade de Ourense con 46 anos de militancia e en Gumersindo Penín Opazo, afiliado na agrupación de Xinzo de Limia con 47 anos de militancia.

O secretario provincial e senador do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, convidou aos presentes a “realizar unha viaxe pola historia para observar o papel de Europa na construción do socialismo español, e para utilizar a deliberación como ferramenta para construír o futuro de Ourense en Europa”.

Neste senso, o líder dos socialistas ourensáns tamén apuntou que “o espazo de reflexión socialista é imprescindible para interpretar a realidade e por iso seguimos a precisar de análises teóricas, de diálogo, de conversas e de deliberación entre iguais”.

Debates
“Dende a Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, anuncio que impulsaremos a formación e os debates nas sedes socialistas da nosa provincia, para coñecer e comprender as dinámicas de cada concello e bisbarra, detectando os problemas e as oportunidades reais de cada contorna, e construír un programa de futuro de Ourense no seo de Galicia, España e Europa”, finalizou Rodríguez Villarino.

“O candidato do PSdeG-PSOE ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, incidiu durante a súa intervención ‘na banalización das ideas extremistas que lle abres as portas do goberno á ultradereita”

O candidato do PSdeG-PSOE ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, incidiu durante a súa intervención “na banalización das ideas extremistas que lle abres as portas do goberno á ultradereita”. Ante esta situación o europarlamentario socialista fixo un chamamento a que o vindeiro nove de xuño “digámoslle non ao extremismo, aos saúdos fascistas, aos ataques aos dereitos contra das mulleres, aos ataques contra os que pensan e senten diferente e aos que como Feijóo, actúan de palmeiros e vasalos da ultradereita”.

“As urnas teñen que clamar liberdade, xustiza e democracia”, afirmou González Casares, antes de subliñar que “iso é o que nos xogamos o vindeiro 9 de xuño, unha Europa na que Feijóo lle entrega a casa e os mandos a Abascal, Meloni e Orban”. O candidato socialista tamén destacou que “temos que apostar por unha Europa que da man do PSOE sexa dique de contención fronte á ultradereita”.

Pola súa banda, a candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento de Galicia, Lorena Guerra Vigo, puxo de manifesto que o vindeiro 9 de xuño “temos que saír a exercer o noso dereito ao voto porque temos nas nosas mans poder decidir que Europa queremos os próximos cinco anos”. Neste senso, tamén destacou que “a elección é clara, ou estamos coa xustiza social, ou estamos con Milei; ou estamos coa paz ou estamos con Netanyahu; ou estamos co feminismo ou estamos con Abascal; ou estamos co xogo limpo ou con Feijóo”.

A alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo de Dios, sinalou que o de hoxe “é un momento de desfrute para a familia socialista e debemos ter claro que temos un compromiso coa política a hora de defender ás persoas e frear as dereitas máis rancias”. Neste senso, a rexedora socialista avogou por “integrar aos máis novos na familia socialista xunto cos máis veteranos e aproveitar este tipo de eventos para escribir o futuro do país”.