Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o segundo tenente de alcaldesa e voceiro do grupo de goberno de Mos, Leo Costas, informaron de que vén de ser presentada por Rexistro esta mañá para o seu debate no vindeiro Pleno da Corporación Municipal a celebrar o día 26 deste mes, unha moción do goberno mosense en relación aos acontecementos que se están a producir de averías e fallos constantes no subministro eléctrico, motivados por unha deficiente xestión por parte de UFD (Unión Fenosa) das obras de mellora da rede eléctrica en diferentes puntos do concello de Mos.
Os representantes municipais, Arévalo e Costas, expoñen que se están a suceder unha serie de incidentes, e graves e reiteradas situacións de fallo no subministro eléctrico, durante a actuación de mellora de liña que se está a executar por parte de UFD no concello de Mos.
Os devanditos incidentes están a afectar aos veciños de diferentes parroquias, especialmente ás de Mos, Guizán, Torroso, Dornelas e Pereiras, que veñen sufrindo diversos e continuados cortes no subministro, así como incidencias periódicas producidas por estas obras, ou ben, como pouco, deficiencias na liña eléctrica que lles impiden desenvolver con comodidade e confort o día a día nos seus fogares. Atopándose constantemente os particulares con atrancos para poder realizar as súas tarefas diarias, o que complica as súas vidas.
É por elo que desde o Concello pónse a disposición dos afectados un teléfono e un correo electrónico para notificar averías e canalizar queixas que posteriormente se lle trasladarán conxuntamente á empresa: o número de teléfono é o 986 09 70 37 e o enderezo de correo electrónico afectadosUFD@concellomos.es Así mesmo as persoas que o desexen poden reclamar tamén directamente no departamento de Atención ao Cliente de UFD.
E é que non só é a veciñanza a afectada, senón que tamén se fai extensivo o agravio a negocios que teñen que pechar a porta por non ter servizo, cos conseguintes danos materiais e perxuízos.
Danos que afectan tanto a negocios como a particulares e que van dende equipos eléctricos e electrónicos que se averían, pérdida de alimentos conxelados xustamente nestas datas onde moitos veciños fan acopio para estas festas do Nadal, etc.
Rexedora local e 2º tenente de alcaldesa e voceiro de goberno insisten en lamentar que UFD non dea solucións ás múltiples peticións realizadas dende a concellería mosense de Eficiencia Enerxética. E declaran que “xa é insostible a situación de horas de cortes diarios de subministro sen dar ningún tipo de solución ou alternativa. Por iso, para urxir unha solución a Unión Fenosa, propoñemos levar esta moción ao vindeiro Pleno”, explican Nidia Arévalo e Leo Costas.
Con esta moción preténdese polo tanto esixirlle a UFD o inmediato restablecemento da normalidade no subministro de enerxía eléctrica ás familias e empresas. Que poñan en práctica medidas e garantías para que non se produzan feitos similares nas seguintes semanas durante os seguintes traballos de mellora de liña. Que se fagan cargos tanto dos desperfectos materiais en vivendas particulares como nas empresas, así como de equipos eléctricos e doutros bens derivados da falla de enerxía. E que asuman as posibles indemnizacións polas perdas nos comercios e empresas afectados polos cortes de subministro.