Tui | A praza da Inmaculada acollerá o sábado 30 e o domingo 31 de marzo o III Encontro de Viños da Raia, que será unha das citas gastronómicas do programa das Festas de San Telmo 2024.
Este mediodía o alcalde, Enrique Cabaleiro e a concelleira de Comercio, Ana Núñez, xunto a Natalia Rodríguez da adega Corisca, Mar Domínguez da adega María Bargiela e Juan Xesteiro da Adega Xesteiro, presentaron esta terceira edición.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirmou que este Encontro de Viños da Raia é un evento singular e único polas súas características coa presenza de adegas pequenas, de produción ecolóxica. Salientaba Enrique Cabaleiro que a enograstronomía “máis aló da función de dinamización económica e social cumpre un labor identitario”, pondo coma exemplo que todo o mundo identifica o meixón con Tui, e iso representa “unha posta en valor dos nosos recursos”.
Engadía que dende “o concello de Tui, que ten un posicionamento estratéxico dende o punto de vista xeográfico, entendiamos que na celebración dunha efeméride tan importante, como son as festas de San Telmo, declaradas de interese turístico galego, non podíamos ser alleo a esta realidade e cumpría darlle cabida dentro da nosa celebración”. Nese senso indicaba que se fixo “unha aposta por un evento que tamén nos define coma cidade e coma concello que é a singularidade.
O Encontro de viños na raia, é un encontro especialmente singular e único, xa que se aposta por adegas que cumpren determinados parámetros na súa produción como pode ser a ecoloxía, a limitación das unidades, … estamos diante dun evento marcadamente alternativo, e iso é o que lle da a súa singularidade”. Dicía Enrique Cabaleiro que “este evento está consolidado e medrando”, sendo “un escaparate importante para o Concello e para as propias adegas”. Rematou convidado a participar neste Encontro de Viños da Raia o sábado 30 e o domingo 31.
A concelleira de Comercio, Ana Núñez, explicou que este Encontro de Viños da Raia, que abrangue adegas dende Caminha a Monçao, e do Rosal a Arbo, naceu co obxectivo de “poñer en valor o territorio a ambos lados do raia, co produto do viño, cos e coas pequenas produtoras, das empresas familiares, que producen viños brancos, tintos, espumosos,… viños de gran calidade e personalidade, elaborados a través de procesos artesanais con moitísima paixón e dedicación”. Neste evento presentarase unha oferta enogastronómica, onde tamén terán cabida os produtos locais e de km 0.
Así dicía “estamos contribuíndo a ofrecer unha oferta enogastronómica, dentro da oferta turística que enmarca por un lado a Semana Santa, pero tamén o inicio das festas patronais da nosa cidade”. Amosou o seu convencemento no crecemento do Encontro que foi un éxito na primeira edición, e que o ano pasado incrementou un 30% o número de copas vendidas. Concluía Ana Núñez salientando que “esta é a nosa proposta enogastronómica, dentro das Festas de San Telmo, e en plena Semana Santa” polo que dicía “a mellor opción posible esta Semana Santa é vir a Tui”.
Por parte das adegas participantes Natalia Rodríguez, Mar Domínguez e Juan Xesteiro agradeceron ao Concello de Tui a celebración deste evento que pon en valor a enoloxía e apoia as pequenas adegas.
O III Encontro de Viños da Raia celebrarase o sábado 30 e o domingo 31 de 12 a 16.30 h e de 20 a 23h na praza da Inmaculada. Está confirmada a participación das adegas Corisca, Jorge Marcote, Pateira, María Bargiela, Sergio Álvarez, D’ricón, Do Vimbio, Marcio López, Edmun do Val e Xesteiro que presentarán os seus viños brancos, tintos e espumosos. O prezo será dende 2,5€ a copa. A gastronomía estará presente da man de Almacén Urbano e de Emma Tapa&Brunch que ofertarán tapas de xamón, queixo, croquetas, empanada de pan de millo e unhas tapas/degustación de meixón, e coma sobremesa rosca de Pascua e tarta San Telmo.
O sábado ás 19 h como novidade celebrarase o I Concurso de Cata que terá unha primeira parte didáctica coa explicación de cinco viños e logo unha cata a cegas destes cinco viños. O domingo ás 12 haberá un showcooking a cargo de Inma López do Restaurante Beldade que elaborará tres pratos de peixe de lonxa ou de río maridados con viños da raia.
Por último o domingo ás 19 h haberá unha cata comentada cunha selección dos viños das adegas participantes no Encontro. Para estas actividades – concurso de cata, showcooking e cata comentada – é preciso inscrición previa, de forma gratuíta, na Oficina de Turismo, ben persoalmente no Paseo da Corredoira, no correo turismo@tui.gal ou no teléfono 677 41 84 05.
Ao longo da fin de semana non faltarán as actuacións musicais e a animación dentro da programación das Festas de San Telmo.