Os vikingos atacaron Galiza entre os séculos IX e XII, época na que os pobos escandinavos tiveron un auxe demográfico que os impulsou a saíren por mar en busca doutras terras nas que practicar o comercio, a piratería ou nas que asentarse tras seren conquistalas. Para eles Galiza era Jacobsland (Terra de Santiago), “esa terra tan rica da que tanto falan os peregrinos”.
Porén o reino de Galiza era forte nesa época e os ataques viquingos foron case sempre repelidos, con maior ou menor dificultade. Vou resumir brevemente e por orde cronolóxica estas aparicións:
Ano 844: Primeiro ataque, reflectido nos Annales Bertianini. Un grupo de viquingos daneses empurrados por unha treboada chegou a Galiza, onde saquearon algunhas aldeas costeiras até que foron rexeitados nos arredores da Torre de Hércules. Reinaba en Galiza Ramiro I. Trala derrota os vikingos continuaron a súa viaxe cara Lisboa, antes de regresaren ao seu país. Nesta época xurdiu a lenda do bispo Gonzalo, da diócese de Bretoña, que tiña sona de santo e a quen acudiu a veciñanza en busca de auxilio. Gonzalo disque rezou pedindo proteción ao Ceo ante o ataque dos nórdicos e, pouco despois, desatouse unha treboada que afundiu a meirande parte da frota invasora.
Ano 858: Reinaba en Galiza Ordoño I. Os viquingos apareceron cunha frota de cen naves, que viñan de saquearen as costas francesas e que se dirixiron á ría de Arousa. Saquearon a diócese de Iria Flavia e chegaron a Santiago de Compostela, onde os habitantes pagaron un tributo para evitaren o saqueo. Porén os atacantes non marcharon e seguiron intentando apoderarse da cidade. Sendo derrotados por un exército comandado polo conde Pedro, que os obrigou a levantar o sitio, porén na súa retirada os viquingos atacaron varias poboacións ao seu paso.
Ano 951: Reaparecen os viquingos saqueando as costas galegas. E nos anos seguintes as cidades refórzanse en previsión de novos ataques. Ano 964: Regresan os nórdicos e o bispo Rosendo de Mondoñedo failles fronte. Ano 968: Procedentes de Normandía, chegaron para atacar Galiza duscentas naves viquingas. Cen naves atacaron a diócese de Bretoña e outras cen internáronse na ría de Arousa.
“Os viquingos permaneceron tres anos en terras galegas, matando e saqueando, até que, cando regresaban cargados de botín e prisioneiros, o conde Gonzalo Sánchez e as súas tropas lograron vencelos (no 970)”
En Iria Fravia o bispo Sisnando e as súas topas intentaron repelelos, pero non o conqueriron e o bispo morreu ao ser alcanzado por unha frecha viquinga. Os nórdicos dispersáronse por Galiza, chegando ao Courel. En Lugo as tropas do bispo Hermenexildo defenderon a cidade, porén non conseguiron evitar que a diócese de Bretoña fora arrasada; sendo reconstruída na actual Mondoñedo. Os viquingos permaneceron tres anos en terras galegas, matando e saqueando, até que, cando regresaban cargados de botín e prisioneiros, o conde Gonzalo Sánchez e as súas tropas lograron vencelos (no 970) nos arredores da ría de Ferrol, dando morte ao líder viquingo e queimando a meirande parte das súas naves.
Ano 1015: Os viquingos atacan Castropol, Betanzos, Ribas de Sil e Tui, masacrando o exército do conde Menendo González, arrasando a cidade e tomando como refén ao bispo Alfonso. Ano 1028: Era rei de Galiza Bermudo III. Unha expedición viquinga ataca as costas galegas, subindo pola ría de Arousa; sendo derrotados os escandinavos polo exército do bispo Cresconio de Composdtela, quen fortaceu esta ría, mandando construír as Torres do Oeste de Catoira, que defendían e pechaban a ría cunha enorme cadea.
A partir deste momento, os viquingos (moitos xa eran cristiáns) van chegar a Galiza como peregríns. Un dos máis sonados foi o rei Sigurd de Noruega, quen en 1108, tras oito días de travesía marítima, chegou a Galiza e peregrinou a Compostela.