Ourense celebra o Día do Mar grazas a Xantar

Dedicado ao Concello de Burela e ao CIM Alto Tâmega
Obradoiros de cociña sobre peixes, mariscos e conservas protagonizaron as actividades desta xornada.

Ourense | Como é habitual desde fai varias edicións, o venres de Xantar é o día dedicado ao Mar e está presidido pola conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, que participou no salón de forma ininterrompida desde o ano 2009.

A súa presenza ese día conleva a que os protagonistas da terceira xornada sexan sempre os produtos pesqueiros de Galicia. Durante o acto central de hoxe resaltou a importancia de “promocionar os produtos do mar en eventos como este para mellorar a súa comercialización e impulsar a xeración de riqueza e emprego no complexo mar-industria de Galicia”.

Relacionado coa celebración do día do Mar participou tamén neste acto o secretario xeral adxunto da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas e Mariscos ANFACO- CECOPESCA, Roberto Carlos Alonso, quen destacou que a industria transformadora e conserveira de peixe e marisco de España é a primeira produtora da Unión Europea e segunda a nivel mundial (só despois de Tailandia), representando Galicia a principal rexión produtora e as súas conservas poden atoparse en 140 países.

Destacou ademais que este sector xera emprego para 12.000 familias en Galicia e resaltou as propiedades nutritivas das conservas que “contan con excelentes propiedades nutricionais, grazas á achega de proteínas, vitaminas, minerais e ácidos graxos Omega 3 (EPA e DHA), intégranse perfectamente nunha dieta equilibrada”.

E aproveitando o día do mar, este venres foi tamén o día dedicado ao Concello de Burela, situado na costa norte de Lugo e famoso internacionalmente pola calidade do seu Bonito do Norte e por ter un dos portos pesqueiros máis importantes de España.

O protagonismo portugués desta xornada recaeu sobre a Comunidade Intermunicipal Alto Tâmega que integra ás cámaras municipais de Boticas, Chaves, Montalegre, Ribeira da Pena, Valpaços e Vila Pouca de Aguiar.

Actividades
O protagonismo dos produtos do Mar foi un dos fíos condutores das actividades de hoxe que comezaron con dous talleres dirixidos a escolares “Ti si que é un bo peixe” e “Ponlle as pilas ao teu bocadillo” que teñen o obxectivo de promocionar o consumo de peixe e conservas entre o público infantil.

Tamén se impartiron dous talleres de cociña relacionados con estes produtos e incluídos na campaña da Consellería “Galicia sabe amar”. Estas actividades concluíron cun sobre como “ler e degustar unha lata”.

Entre as actas celebradas hoxe destaca a de Licores e Augardentes Tradicionais de Galicia, a dos viños tintos premiados cos “ Acios de Ouro” nas Catas Oficiais de Galicia e a de queixos con Denominación de Orixe Protexida de Galicia (Arzúa-Ulloa, Cebreiro, Queixo Teto e San Simón da Costa).

O CIM Alto Tâmega foi tamén homenaxeado neste Xantar 2021 en Ourense.

No apartado internacional, hoxe impartiuse o primeiro dos talleres de gastronomía peruana na que os chefs Rubén Mendoza e Javier Vargas prepararon o prato “Troita escabechada, ñoquis de oca e fungos andinos.”

A gastronomía dos Camiños estivo protagoniza hoxe polo taller organizado por Turismo de Galicia sobre ”*Écociña. Hostalería Comprometida no Camiño de Santiago” e pola visita dun grupo de pequenos peregrinos procedentes dun Colexio de Xinzo de Limia que están a realizar parte do Camiño de Santiago.

Conclúe así un día de intensa actividade e que supón xa o ecuador da 22ª edición de Xantar e que está a cumprir os obxectivos de converterse nun punto de reencontro tanto dos profesionais do sector como do público en xeral, xa que os 7 restaurantes do recinto estiveron practicamente ao completo durante a comida desta xornada.