Para José Antonio Viñas, compañeiro e amigo de tantas loitas
Era un domingo coma outro, máis florido se queredes, pois o ceo limpo arrincaba a primavera, un tempo que convidada a sentar os cativos nun verde prado a merendar, esa estampa que nos leva a infancia que xa nos deixou se cadra, ainda que algúns sabemos que somos maiormente uns meniños merendado á sombra de un carballo, deixando esmorecer o serán.
“Era un domingo coma outro, máis florido se queredes, pois o ceo limpo arrincaba a primavera”
Mentras uns merendan, outros sácannos de súpeto as lagañas dos ollos, con un aturuxo ancestral que nace do fondo das súas entrañas, preludio do lóstrego que percorre o infindo dos sentidos.
Soben e baixan os sons dos soutos e das fragas, estralos das castañas asadas con chourizos e pan de broa.
Meigallos de frevenzas rabudas que mancan na pedra dos tempos, recollidas no pai Miño, o solpor das augas que morren para resucitaren no inmeso mare noso, son cantigas de onte, de hoxe, de sempre… universais, sentidas, propias e alleas a un tempo.
Falan do viño, falan da auga, das romerias, do entroido, do pobo que quere estirando as súas as voar nos vales da Ribeira Sacra, onde se xuntan as almas namoradas do Miño danzarín co Sil fachendoso cheo de historias e de serras, percorrendo a saba agarimosa da terra que o pare e amamanta.
Rapaces e rapazas, mozos e mozas que danzaban e danzaban… Virando na punta do pé, facendo tremer o teatro máis querido da cidade, acompasando a vitalidade e a enerxia co dulzor da poesía, que nesta terra agroma de seu.
Os zocos que petaban en cada volta, en cada compás percorrían latexando os corpos dos que alí estabamos coma o sangue nas veas dos namorados, volcán das augas das Burgas, das Termas milenarias, contanxiando a paixón daquelo que se ama tan fondamente, que supura pola pel a tradición do mamado coa frescura do viño novo recén colleitado.
Como a choiva que acariña, como vento que ergue as saias das mociñas casadeiras, como as raiadas do sol que maduran o viño nas costas da Sacra Ribeira, remexendo e misturando os sons, menciñeiros da alma que curan as penas a golpe de musica.
Os musicos son os mellores vendimiadores, arrieiros da vida, con un chifro ou con un sacho, con unha pandeireta ou unha gaita, con bombos ou con guitarras, fan que cada pinga que sae orballando mansa ou treboando forte, de cada nota tocada, semente en cada peito un sospiro, en cada gorxa un alento , facendo do Principal o berce do sentimento.
“E no fondo do escenario “O Viñas”, o seu director, un home sorrindo con unha pandeireta na man, un cativiño que leva toda a vida por os escenarios de todo o mundo, pero que conserva intacta a súa alma de neno inocente, humilde, sinxelo…”
E no fondo do escenario “O Viñas”, o seu director, un home sorrindo con unha pandeireta na man, un cativiño que leva toda a vida por os escenarios de todo o mundo, pero que conserva intacta a súa alma de neno inocente, humilde, sinxelo…Un aceno para animar a aquel que esvarou nunha reviravolta, un chiscar o ollo de complicidade a este outro que nos ensaios non lle saía de todo ben ise paso, que logo quedou mellor ca nunca, esas pequenas cousas que so os grandes ven.
O traxe de gaiteiro que viste fachendoso, xeneroso, nobre, testigo e compañeiro das súas loitas, dos sacrificios, de nadar coma as troitas contra corrente pois a favor so van os peixes mortos; remontando as dificultades, penedos e rochas que queren pechar os vieiros do seu maxin.
Ese sorriso alumea todo o teatro, rebota en cada ángulo, estoupa na cúpula e espállase envolvendo de ledicia a todos os que de un xeito ou doutro camiñamos o seu carón, admirando a súa laboura porque o seu traballo é para todos e de todos. Leva escrito na fronte os nomes de tantos, que o longo da sua vida, foron deixando o seu grauciño de area para conformar este fermoso areal.
Un traballo dun colectivo, onde cada un da o mellor de si, xentes do cinema, do teatro, da música, do son, xente que acarrexa cousas e que cociña para que se poídan repoñer forzas, que fai aquelo que pode parecer o máis sinxelo para que aqueles outros que despois enchen o escenario, sexan esas estrelas que brillan cos azos de todos.
O sentimento duhna asociación que sabe vencellar o novo, o sorprendente co mellor da tradición. O que vimos e sentimos aqueles que estivemos esa tarde no Principal foi unha merenda para os sentidos, unha merenda galega a fartar de viandas marabillosas, que nos fixeron tremer de paixón e enmudecer de emoción.
Cando a ledicia é tan grande que provoca que as bágoas limpen os ollos so queda un xeito de agradecelo e é berrando ben forte . Dende estas liñas quero soltar un aturuxo tan grande que se escoite no mundo enteiro e que diga a todos :¡Queixumes van viaxando , van nos pinos e van nos ríos, van no vento e no mar por afora e para adentro levando “¡Ourense no Sentimento¡”
“Meu querido amigo, ti levas Ourense e o mundo enteiro no sentimento”
Meu querido amigo, ti levas Ourense e o mundo enteiro no sentimento. Sempre en debeda contigo, sempre obrigado.