Deséxome sumar ao colectivo circense Asociación Circo Reunidos pra impugnar a Ley de Protección de animais aprobada pola Xunta de Galicia o pasado mes de marzal.
Dende sempre se dixo que “o que ama o circo non pode ser persoa ruin”. Ramón Gómez de la Serna afirmou que “el que más noches de circo tenga en su haber, antes entrará en el Reino de los Cielos”. Quen esto escribe andivo no Circo Feijoo dende os dous anos e medio (meu pai foi seu apoderado durante corenta anos). Xa no ano 1890 se falaba do Circo Feijoo, fundado por un home pequeño de estatura pro de grande alma, don Secundino Feijoo Méndez, nado en Vilanova dos Infantes ao carón da Virxe pequerrechiña que cantara Curros Enríquez, fillo do matrimonio formado por Manuel Feijoo Feijoo e Manuela Méndez López.
Pois ben, Secundino Feijoo escomenzou a súa andaina circense amaestrando a uns bois. Hai quen todavía o lembra actuando eiquí en Ourense, onde o Circo Feijoo nunca deixou de actuar nas Festas do Corpus, na Alameda do Concello, durante a súa existencia. Secundino casou con Francisca Salas, unha amazona cun precioso número de cabalos de raza andaluza.
Secundino e dona Paca, que así era coñecida pola xente dos circos, fixeron moitos cartos pois a vida sorriulles.
Construiron unha casa nas aforas de Madrid, e o 22 de abril de 1887 dona Paca da a luz a un fillo en Úbeda (Jaén) mentres andan de xira, e bautízano co nome de Manuel Feijoo Salas. Don Manuel, que se considera ourensán, estudia a carreira de veterinario, pra logo suceder ao seu pai. En febreiro de 1936 xa dirixe o máis famoso dos circos españois e contrae matrimonio con dona Pilar Sánchez Gómez Rexach, filla doutro importante empresario circense, Mario Sánchez Rexach.
Ao comenzo da República, don Secundino recibe a Medalla do Traballo, que lle impón o alcalde de Ourense. A fogueira de1936 fai que as autoridades republicanas de Santander, onde estaba o circo e eu coa miña familia, lle requisen os medios de locomoción. Don Secundino, que tivo outras dúas fillas (Araceli e Elvira), fina en Madrid durante a Guerra Civil, e xa no 1939 escomenza de novo o Gran Circo Feijoo da man de don Manuel. Parte do seu entorno familiar (a familia Silva) distanciase de don Manuel (O Padre Silva foi parente lexano de don Manuel Feijoo, pero o seu pai non quería saber nada de “titiriteiros” , como chamaba aos Feijoo. Logo a súa nai dona María, unha santa e bondadosa esposa, logrou que fixera as paces con don Manuel e así escomenzou a andaina circense do Padre Silva co Circo da Ciudad de los Muchachos, que tristemente acabou como acabou. Pero esa é outra historia).
Xa no ano 1990 o Circo Feijoo autopreséntase como “O maior espectáculo do mundo”, e nil traballan os artistas máis famosos procedentes dos mellores circos: o Circo Ringling dos EEUU, o Circo Price, o Circo D’Hiver de París, o Carre de Holanda ou o Olympia de Londres. Trapecistas como Pinito del Oro, domadores de leóns, de elefantes, os pallasos máis famosos como Pere e Tonetti, los Hermanos Cape, Pompoff, Teddy, Zampabollos, Nabucodonosorcito… o Circo Feijoo no que andiven anos e máis anos, ata que escomencei a traballar na empresa privada.
Esto somentes é unha semblanza de recordos meus, xa con oitenta e cinco anos ao lombo que, como dicía ao comezo, é unha aportación persoal para me sumar a Asociación Circo Reunidos, e, sobor de todo, lembrar a meu bo pai Gustavo Rego Nieto, exemplo de fidelidade a don Secundino de don Manuel Feijoo ata o día do seu pasamento.