Terras do Bouro | A Deputación de Ourense liderará a representación dos concellos ourensáns que participarán na Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza dos territorios da Reserva da Biosfera Gêres-Xurés.
Unha entidade de nova creación que se espera estea constituída antes de finais de ano e que terá entre os seus principais obxectivos “a captación de fondos europeos para a dinamización deste espazo nos máis diversos ámbitos”, destacou o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, trala conclusión do encontro celebrado en Terras do Bouro pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho.
Na reunión participaron os representantes das cámaras municipais de Ponte da Barca, Montalegre, Arcos de Valdevez e Melgaço, ademais de Terras do Bouro como anfitriona. Por parte galega e xunto con César Fernández acudiu á convocatoria o secretario da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Xosé Lago.
O vicepresidente segundo da Deputación valorou positivamente a decisión de iniciar un proxecto transfronteirizo, “un máis para a provincia con máis quilómetros de fronteira con Portugal”, onde as prioridades estará no desenvolvemento do territorio a través do coidado do medioambiente, da conservación e promoción do patrimonio arquitectónico e material, “ademais de medidas de carácter social e de reto demográfico”. A Deputación será a que estableza os concellos que formarán parte do proxecto, non menos de dez, xa que ademais dos situados na Reserva da Biosfera Gêres-Xurés tamén poderían sumarse outros municipios próximos.