Ourense | Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, participou na inauguración da exposición Ourense no tempo, onde puxo en valor a relevancia que posúen as cidades galegas como elementos “integradores e vertebradores” da nosa cultura, en referencia á relación coa paisaxe, coa estrutura económica e coa propia historia da Comunidade.
A mostra forma parte do proxecto expositivo Cidades no tempo, organizado pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e Afundación, en cuxas sedes se instalan as exposicións en cada unha das sete principais cidades galegas. O percorrido iniciouse no 2022 co obxectivo de reivindicar a identidade urbana de Galicia, poñendo nesta ocasión o foco en Ourense. “Un proxecto que desde a Xunta organizamos e apoiamos e que estamos moi orgullosos de que sirva para dar a coñecer aos galegos unha parte máis da súa propia historia”, dixo Román Rodríguez.
O conselleiro en funcións sinalou as cidades como “termómetros culturais do desenvolvemento dun pobo” e puxo de relevancia que as cidades galegas “son en si mesmas unha lembranza da nosa tradición e dás súas sensibilidades e, como tal, alimentan a idea do que somos como pobo”.
Román Rodríguez puxo en valor, ademais, tanto á cidadanía ourensá como os bens máis senlleiros sen os que non se entendería a urbe, como a ponte romana, As Burgas, a catedral de San Martiño, o claustro de San Francisco, a praza do Ferro ou a ponte do Milenio. “Emblemas dunha cidade cunhas raíces moi fondas que foi avanzando sen rexeitar a súa historia”, enxalzou.
O representante da Xunta fixo fincapé tamén na figura da cidade de Ourense como “punto de encontro” tanto cultural e de lecer social, como de comunicación e de descanso dos viaxeiros.
Unha cidade interface
A través de 150 pezas de moi diferente tipoloxía, entre obxectos de alta cultura e cotiáns, documentos históricos, obras de arte, fotografías e publicacións, mapas, recreacións virtuais e arquivos sonoros, Ourense no tempo pon de manifesto a historia dunha cidade clave nas comunicacións de Galicia, tanto cara o litoral da Comunidade, como cara Castela e Portugal.
Reflíctense así na exposición as consecuencias de ser un nó de camiños, a través dos cales chegaron moitas influencias tanto no artístico como noutros eidos, sendo tamén a cidade exportadora das súas propias correntes.
Grande actividade intelectual
A mostra celebra o poder creativo das cidades facendo fincapé na grande actividade intelectual que definiu a identidade de Ourense para o conxunto de Galicia. Así, recrea nunha área un dos míticos cafés ourensáns, onde se teceron as redes de artistas e cidadáns que derivaron en importantes expresións do pensamento e da arte galegas. A exposición, que pode visitarse na sala de exposicións de Afundación ata o 11 de maio, está comisariada por Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación e director de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega. Nesta ocasión conta co asesoramento, como coordinador local, do arqueólogo e escritor José María Eguileta.