Ourense | Ourense será a primeira provincia galega en contar cunha cartografía actualizada e detallada a escala 1/5000 para facilitar a xestión do territorio a nivel local, tal e como salientou o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, nunha reunión que mantivo con representantes de 50 concellos ourensáns.
Durante o encontro, no que se abordou o desenvolvemento do Plan cartográfico de Galicia 5k, Pardo explicou que o Goberno galego destinará 1,2 millóns de euros a cartografar máis de 617.000 hectáreas co obxectivo de poñer á disposición das entidades locais, das empresas e dos particulares, unha “ferramenta de información” máis precisa sobre o territorio.
“O obxectivo é mellorar a toma de decisións na planificación, creación, implantación e seguimento das políticas da Administración autonómica, provincial e local”, engadiu o delegado territorial.
Nesa liña, logo de avanzar que está previsto que toda a provincia estea cartografada a escala 1/5000 o vindeiro ano 2025, Manuel Pardo, que estivo acompañado polo director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, fixo fincapé en que esta nova ferramenta facilitará aqueles traballos que teñen que ver co planeamento e o urbanismo, como a redacción de plans xerais, a concesión de licencias de obras, o control de construcións fóra de ordenación ou calquera tipo de medición que sexa necesario acometer sobre o territorio.
A información xeográfica tamén é relevante noutros ámbitos de actuación como o medio ambiente -investigación de vertidos ou localización de industrias contaminantes-, a mobilidade -deseño da rede de conexión e dos medios de transporte-, o patrimonio cultural -catalogación de elementos a protexer- ou a industria – planificación do transporte de mercadorías ou busca de materias primas-. A maiores, unha base cartográfica detallada terá grande importancia no ámbito dos servizos e equipamentos públicos xa que facilitará tanto a localización precisa dos centros educativos, sanitarios, administrativos ou deportivos como a oferta de prestacións como o transporte escolar, a asistencia médica e, incluso, a atención a emerxencias.
Manuel Pardo incidiu en que esta nova ferramenta, ademais de supoñer un aforro de tempo e diñeiro para as administracións, tamén será de grande utilidade para o sector privado e a cidadanía. De feito, as empresas de enxeñaría, construción ou consultoras de planificación territorial, agrícola ou forestal utilizan a diario datos topográficos polo que terán nesta nova base cartográfica unha fonte fundamental de información.