Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o secretario xeral da Associação Impulsora da Casa da Lusofonía, Xosé Carlos Morell, asinaron en Ourense un convenio de colaboración que permitirá instalar nesta cidade a sede galega da Casa da Lusofonía, dentro da rede de instalacións destas características que posúe o Ministerio de Asuntos Exteriores e a Unión Europea.
Baltar cualificou “o día de hoxe como grande para Ourense” polo valor histórico e cultural que supón este acordo, “tendo en conta a fonda vinculación de Ourense co mundo da lusofonía e, por suposto, a lingua galega, o maior tesouro de Galicia, como sinala o noso Estatuto de Autonomía”.
O presidente do goberno provincial destaca que esa relación, “a nivel lingüístico, cultural, identitario, social e económico que teñen organizacións tan potentes como as de países con lingua portuguesa, fai que este proxecto transcenda fronteiras e sexa aglutinador de culturas e sociedades”. Neste sentido, destaca o papel que desenvolve a Associação Impulsora da Casa da Lusofonía e afirma que hoxe “comeza esta andaina á se sumarán moitas persoas e entidades co obxectivo de pór en marcha unhas instalacións na nosa provincia para seguir afondando nese carácter universal e unificador da lusofonía, onde Ourense vai a ter un papel relevante”.
Comisión de seguimento
O acordo establece a creación dunha comisión seguimento que terá carácter paritario e estará integrada por representantes da Deputación e da Associação, comisión a través da cal se canalizarán as xestións para instar á administración xeral do Estado e á Unión Europea a facilitar a creación da Casa da Lusofonía con sede na capital ourensá, que terá personalidade xurídica propia. Para levar a cabo este proxecto, os representantes da Deputación de Ourense e da Associação procurarán o apoio de colectivos sociais, empresariais e particulares.
Pola súa banda, Xosé Carlos Morell agradeceu a Baltar “este primeiro paso importantísimo cara a un camiño que emprendemos hoxe e que consistirá en solicitar a todos os grupos parlamentarios con representación na Comisión de Exteriores do Congreso que realicen unha proposta para a creación do Consorcio da Casa da Lusofonía dentro das redes de casas do Estado español”. Morell defendeu “o valor económico do portugués e da lusofonía, especialmente nos negocios, ofrecendo os servizos de formación e internacionalización para empresas e, especialmente, no maior mercado mundial que é China, e dentro da lusofonía, o territorio de Macao, que ten moitas semellanzas con Galicia”, e avanzou que trasladará esta perspectiva ao Estado español “para que teña en conta o valor da lingua portuguesa, tan vencellada ao noso idioma, o galego, tanto na súa orixe como na súa evolución”.
A Casa da Lusofonía pretende artellarse tendo en conta precedentes como a Casa de América en Madrid -1992-, a Casa Asia en Barcelona -2001-, a Casa África en As Palmas -2006- ou a Casa Árabe en Córdoba -2006-. Manuel Baltar recoñece o traballo feito pola Associaçao e quere que a Deputación de Ourense fortaleza esta iniciativa, que deberá contar con adhesións e procedementos tanto nacionais como internacionais para a súa materialización. A proposta de creación da Casa da Lusofonía en Ourense fala de cooperación, de identidade e de estratexia xeopolítica, un escenario onde cobra especial relevancia a CPLP (Comunidade dos Países de Língua Portuguesa), creada en 1996.