Lalín | Xosé Merelles Remy, director de Turismo de Galicia, apostou polo deseño e creación de novos produtos e experiencias turísticas que enriquezan e singularicen a proposta do destino Galicia. Merelles participou no networking co sector celebrado en Lalín que levou por título ‘Redes de traballo para a conformación de experiencias turísticas”.
Neste foro, destacou que este tipo de accións contribúen á planificación do seu departamento de desestacionalización e diversificación que forma parte da Estratexia de Turismo 2030. Neste sentido, “teño que dicir que xa o estamos conseguindo con datos que nos falan de incrementos en número de viaxeiros en meses coma febreiro (+1,4%), maio (+15%) ou setembro (+2,8)”.
Así, referiuse a produtos coma o ‘Outono gastronómico’ que este ano contou coa participación de 77 establecementos de toda Galicia que incluían actividades diversas e deslocalizadas e tamén unha oferta gastronómica que engadía atractivo ao programa. Ademais, esta edición estivo reforzada coa colaboración de xeradores de contidos que se converteron en ‘Embaixadores de Galicia’ e influencers. A campaña deixou unhas cifras de 1.478.746 seguidores e 3.107.292 visualizacións.
Finalmente, o director de Turismo de Galicia destacou os bos datos que se están a rexistrar no sector. Por primeira vez, Galicia superou os 12,4 millóns de noites realizadas en establecementos da Comunidade nos dez primeiros meses do ano con 6.641.932 viaxeiros aloxados, o que supón un incremento do 1,4% con respecto ao mesmo de 2023.