Un mantra se repite incesantemente nos medios como se fora unha predición apocalíptica: imos cara un “outono quente”. Ou máis ben será un outono frío, polo visto sen gas para quentar as casas. Culpan a Putin e a súa guerra ucraína. A ministra de Defensa Margarita Robles xa advirte dun “inverno difícil” motivado polos “chantaxes” do Kremlin, tomando en conta que ten a man o subministro do petróleo e do gas cara Europa.
Tras este verán de sequías e de incendios albíscase un final de ano de recesión económica, inflación e aumento do paro, factores que poden presaxiar conflitos sociais e tensións políticas. E todo isto ao carón das respectivas candidaturas que comezan a perfilarse para A Moncloa de cara ao electoral 2023.
Agora ben, fíxense nesta nova: “as importacións de gas dende Rusia a España baten récords mentres afúndense as de Alxeria”. De acordo a esta información, Rusia foi o segundo provedor enerxético para España cun 24,4% do gas exportado, só por detrás de EE.UU. Coincidencia? Casualidade? Como é que Washington lidera esa lista? É a consecuencia da invasión militar rusa a Ucraína ou máis ben do ‘acordado’ no cumio da OTAN de Madrid? Non era entón que Putin ‘cortaba o grifo’ do gas para ‘castigar’ aos europeos, con vistas a propiciar un frío inclemente neste outono-inverno que está ás portas?
“Non era entón que Putin ‘cortaba o grifo’ do gas para ‘castigar’ aos europeos, con vistas a propiciar un frío inclemente neste outono-inverno que está ás portas?”
A todo isto, as tensións xeopolíticas seguen sen parar. O foco agora está en Taiwán. China e EE.UU están tensando militarmente unha corda que ameaza con voar os cimentos do sistema internacional en tódolos aspectos, político, xeopolítico, militar, económico e comercial. De Taiwán podemos falar de reclamos de soberanía e dos intereses xeopolíticos pero a atención tamén está en controlar este espazo como “esfera de influencia”, tomando en conta que é un país líder en electrónica, informática, recursos naturais e puntos de conexión portuaria imprescindibles para manter en pe a economía global. Por tanto, teremos unha nova guerra prevista para este outono?
Por outra banda, Rusia e China seguen acelerando a súa alianza en planos como o militar, con exercicios conxuntos (“Vostok”; Venezuela) nos que tamén están participando India, Irán, Bielorrusia, Tadxikistán e Mongolia, entre outros. Unha clara sincronía euroasiática, disuasiva e desafiante contra o “atlantismo” da OTAN. Putin tamén prometeu “ampliar relacións” con Corea do Norte.
Así mesmo, EE.UU acelera contactos con socios enerxéticos outrora incómodos para os seus intereses, como son os casos de Arabia Saudita, Acerbaixán e Venezuela, toda vez tamén acelera exercicios militares en Asia Central.
A posibilidade real de desconexión definitiva do petróleo ruso para Occidente prevista para este outono é un argumento para que Washington amplíe o seu abano de socios provedores, así sexa contra membros do seu particular “eixe do mal” (Venezuela, Irán) precisamente tamén aliados do eixo ruso-chino.
Crimea: unha “nova Chechenia”?
Non lonxe está o conflito ucraíno, que agora amosa inesperados ingredientes. Tras un ataque a unha estación militar en Crimea, o servizo de seguridade ruso FSB informou das detencións de presuntos saboteadores islamitas provenientes dun movemento, o Hizb ut-Tahrir al-Islami, prohibido en Rusia pero con notable presenza durante moitos anos en Asia Central.
Unha rexión, Asia Cental, que recobra a atención global tralo retorno ao poder dos talibáns en Afganistán fai exactamente un ano, toda vez Rusia e China puxan por construír neste país centroasiático novas “esferas de influencia” ante a desfeita provocada pola retirada militar estadounidense de agosto de 2021.
“É posible especular con que Crimea sexa unha “nova Chechenia” para Rusia, un novo caldo de cultivo para un integrismo islamita antirruso”
Agora ben, é posible especular con que Crimea sexa unha “nova Chechenia” para Rusia, un novo caldo de cultivo para un integrismo islamita antirruso, con intereses similares aos dunha resistencia ucraína cada vez máis monopolizada por grupos paramilitares de extrema dereita? Que intereses hai detrás desta presunta presenza de células islamitas na península anexionada por Moscova en 2014? Por certo, non deixa de ser irónico que miles de chechenos combaten a carón das tropas rusas en Ucraína.
Compre tamén observar a intrigante posición do presidente ucraíno Volodymir Zelenski, quen pediu aos seus compatriotas en Crimea e no Donbás de afastarse das bases militares rusas. Por que? Sabe algo o histríónico presidente ucraíno sobre eses misteriosos ataques en Crimea? Estase preparando o escenario para unha ofensiva a gran escala contra o invasor ruso?
Se son verídicas as afirmacións da intelixencia rusa, podemos sospeitar que esas células islamitas que aparentemente comezan a aparecer en Crimea teñen conexións exteriores, non unicamente localizadas en Asia Central? Será agora ese Hizb ut-Tahrir al-Islami unha especie de novo ‘mujahiddin‘, similar aos existentes en Afganistán durante a invasión soviética de 1980, enton apoiados por Occidente? Ou será que máis ben Rusia está facendo deste incidente unha especie de ‘pano quente’ para distraer a atención dun conflito hoxe cada vez máis atascado pero que pode reactivarse nunha escalada militar?
Non marchemos de Kiev, que hai máis novas. Un diario polaco pón o foco no xefe do alto mando militar ucraíno, Valéry Zaluzny, tratándoo como se fora unha especie de “home forte” no momento actual contra a invasión rusa. Esta información deixa interrogantes no ar que teñen que ver co actual desenvolvemento da guerra ucraína, coa posición do presidente ucraíno e incluso co propio rol de Polonia (membro da OTAN e da UE) nesta guerra.
Así e todo, en medio dun conflito ás portas de Europa, comézase a criticar ao matrimonio Zelenski polas súas aparicións en portadas como a revista Vogue. Pódese intuír malestar en Occidente por estas fotos mentres soldados ucraínos defenden militarmente o seu país? Comeza a observarse a Zelenski como un estorbo? Por iso a portada polaca do xeneral Zaluzny para amosar ao mundo un novo líder para Ucraína? Amencerá e veremos.
“Comeza a observarse a Zelenski como un estorbo?”
Pero non todo é tensión e conflito. Israel e Turquía reanudaron relacións diplomáticas tralas diversas crises suscitadas desde 2016 polos ataques israelís aos palestinos. Un avance que presaxia novos esquemas de poder nun Oriente Próximo esquecido da atención global pola guerra ucraína e a tensión en Taiwán.
Moi probablemente a superación deste impasse diplomático entre Tel Aviv e Ankara sexa unha consecuencia colateral das recentes (e antagónicas) xiras paralelas de Biden por Arabia Saudita e Israel e Putin por Turquía e Irán.
As de Espadas
Pero tamén está América Latina, que sempre da que falar. A controversia suscitada polo traslado da Espada de Bolívar ao pazo presidencial de Nariño durante a toma de posesión do presidente colombiano Gustavo Petro o pasado 7 de agosto e, principalmente, a reacción por parte do monarca Felipe VI de non renderlle o respectivo tributo a este acto ‘simbólico’, merece algunhas liñas de reflexión que permiten calibrar o termómetro político en ámbalas dúas ribeiras atlánticas.
En primeiro lugar, temos o carácter aparentemente espontáneo e de improvisación deste acto, rompendo co tradicional protocolo, algo que ven sendo frecuente nalgunas tomas de posesión en América Latina, particularmente cando se trata de líderes políticos de esquerdas. Supuxo esta decisión de Petro un acto simbólico para interpretar os ‘novos tempos’ que veñen? Ou máis ben foi unha ‘provocación’ en clave reivindicativa, tomando en conta a presenza do representante da monarquía española, outrora o poder colonial das Américas? Era realmente necesario ese traslado nun acto como ese?
Por outra banda, foi ou non acertada a reacción de Felipe VI? Ten ou non razón o monarca español en permanecer sentado sen prestar o debido respecto a un símbolo do “Libertador de América”? Perdería crédito en caso de renderlle tributo? Ou máis ben a súa reacción obedece a outros intereses? Así mesmo, ten realmente tanta importancia esta polémica?
A resposta máis ben podémola definir en que, tanto o traslado da Espada como a reacción do monarca non tiveron o máis mínimo sentido do protocolo pertinente para estes actos; toda vez, estas actitudes, tanto a de Petro como de Felipe VI, máis ben pareceran estar determinadas por un agudo sentido de instrumentalización política.
“Estas actitudes, tanto a de Petro como de Felipe VI, máis ben pareceran estar determinadas por un agudo sentido de instrumentalización política”
Para Petro, ex militante da guerrilla do M-19 que no seu momento ‘secuestrou’ esa Espada de Bolívar, este acto plagado de simbolismo histórico (Colombia celebraba ese 7 de agosto o 203º aniversario da Batalla de Boyacá que certificou a súa independencia do imperio español) probablemente supoñía pechar un círculo, a medio camiño entre a solemnidade e as chaves que se abren co retorno ao poder en América Latina dunha esquerda reivindicativa co seu pasado histórico, tal e como observamos recentemente noutros países como México, Perú e Bolivia.
Pola súa banda, Felipe VI tamén manexa as súas claves políticas, que non son outras que as dunha monarquía que tenta (re) lexitimarse dentro dun novo contexto político en España, cunha dereita polarizada ante a aparición de VOX e o seu discurso nacionalista, claramente intransixente ante calquera manifestación reivindicativa dende a outra beira atlántica. En clave comparativa, hai ecos desta reacción de Felipe VI naquel “por qué non te callas?” do seu pai, o ‘emérito’, en 2007 contra Chávez no cumio iberoamericano de Chile.
Mentres a polémica mediática está servida, principalmente en España, paga a pena mencionar como este ‘incidente’ protocolario (se así se pode chamar) está abrindo o compás dunha campaña tan virulenta como sesgada e provocativa co respecto á figura de Bolívar. Unha asociación de militares españoles pediu expresamente retirar as estatuas de Bolívar existentes en cidades españolas ante esta “afrenta” de Petro. Por certo, esas estatuas foron esculpidas (qué ironía!) durante os réximes ditatoriais de Primo de Rivera e Franco.
Mentres nos platós televisivos españois algúns ‘tertulianos’ se aprestan a denigrar a figura de Bolívar como ‘asasino’ e ‘xenocida’ de españois durante a guerra de independencia, retornan á palestra dos “best seller” bibliográficos algúns estudos que reforzan esa imaxe ‘criminal’ do ‘bolivarianismo’, antídoto perfecto para atacar a eses réximes bolivarianos como o “castro-chavismo-madurismo” así como agora con Petro.
Como personaxe histórico, Bolívar non escapa á polémica, nin moito menos, derivada das súas ideas e dos seus actos. Compre entender que as denominadas “guerras de independencia” en Hispanoamérica tiveron quizáis máis de “guerras de clases sociais” (como claramente foi o caso venezolano) contra sistemas estratificados herdeiros dun colonialismo español en declive tralas guerras napoleónicas, os intereses da elites crioulas por emanciparse da “Madre Patria” e, principalmente, dos intereses xeopolíticos de novos imperios en alza (Gran Bretaña e posteriormente EE.UU)
“Como personaxe histórico, Bolívar non escapa á polémica, nin moito menos, derivada das súas ideas e dos seus actos”
Toda vez, o “culto a Bolívar“, tal e como mencionan nos seus excelentes estudos os historiadores venezolanos Germán Carrera Damas e Elías Pino Iturrieta, interpretaron unha especie de “relixión republicana” que non escapa tampouco do seu uso demagogo por parte de determinados líderes, ansiosos por “apropiarse” do seu legado, e con maior incidencia no caso venezolano con Hugo Chávez. Un simbolismo que, visto o acontecido con Petro, segue a estar presente no imaxinario colectivo hispanoamericano.