Santiago de Compostela | O proxecto de prolongación da autovía Tui-A Guarda entre a estrada autonómica PO-350 e Estás vén de acadar o visto e prace ambiental.
O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe o anuncio informando de que a declaración de impacto ambiental (DIA) emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DXCASCC) ao respecto desta actuación está xa colgada e dispoñible na paxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Con relación ao proxecto, cómpre indicar que se trata da reformulación dun treito da vía de alta capacidade entre a estrada PO-350 e Estás co obxectivo de mellorar as comunicacións na comarca do Baixo Miño. A tal fin e como alternativa, proponse a execución dunha nova autovía.
Así, unha vez finalizada a análise técnica do expediente de avaliación ambiental do proxecto, a Xunta conclúe na súa DIA que esta infraestrutura é viable medioambientalmente sempre que se cumpran, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación avaliada, os condicionantes sinalados na propia resolución.
Con esta resolución, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon fin á tramitación ambiental do proxecto construtivo, unha decisión que tamén lle foi trasladada á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), como organismo promotor da actuación, para que poida continuar cos trámites necesarios para a súa execución.
Cómpre lembrar que a Xunta está a piques de finalizar o treito en execución da vía de altas prestacións do enlace de Areas no que inviste 30 millóns de euros.