"Pablo Abraira" e "El niño de la hipoteca" no Liceum

PABLO ABRAIRA
Voltamos xa nun novo ano coa estrea no Porriño dun programa deses que están gustando en toda España a xente de tódalas idades unha oportunidade única de mirar en vivo e en directo a artistas que triunfaron nos anos 70. Tivemos a sorte de que nos tocasen dúas actuacións na Galiza en exclusiva, o primeiro destes artista e Pablo Abraira. Nacido nun taxi madrileño unha calorosa noite de verán, Pablo Abraira é moi precoz, e a unha idade temperá descobre aos Beatles, o Pop, o Soul… e así comeza a súa andadura musical e tras varios anos e despois de varios grupos, pasa a ser solista de Los Grimm cos que grava o seu primeiro disco. Despois chegou Frecuencia. Unha pirueta do destino, fai que de forma absolutamente inesperada, a súa traxectoria artística adquira unha crecente popularidade tanto en España como en América. Froito da mesma son os seus nove álbums, onde cancións como O tu o nada, Gavilán o paloma e Pólvora mojada entre outras, conseguiron ser número un. Nunha permanente busca de novos camiños, xorde a experiencia teatral, protagonizando o musical Lovy, onde se revela como actor, obtendo excelentes criticas. Dende aquel momento os productores de Evita, fixaron a súa atención en Pablo, a quen propoñen encarnar o Ché. Os seus compromisos discográficos en Hispanoamérica impídenlle acepta-lo reto. Ata que a comezos de 1982 finalmente, as circunstancias fan que Pablo pase a encarnar ao Ché para levar aos escenarios mundiais o grande acontecemento para o musical en español que supuxo Evita. A carreira de Pablo Abraira atopábase no seu momento álxido. Pero, no carácter artístico e persoal de Pablo, a constante procura da superación e o perfeccionamento lévano a asumir novos retos. Por iso, trala xira americana que se realiza con dito musical, xorde o proxecto de poñer en marcha Jesucristo Superstar estreándoa a comezos de 1984 en Madrid, viaxando co espectáculo, de novo, a Hispanoamérica. En Xuño de 1994 forma parte da compañía do Centro Dramático Nacional interpretando o personaxe de Polpoj en Marat-Sade e nestes últimos anos participou en La Magia de Broadway no Teatro Lara de Madrid. No 2004 publica o seu último traballo Ahora. Non cabe a menor dúbida, de que o paso do tempo, proporciona un maior coñecemento sobre aquilo ao que, con absoluta devoción e entrega, leva dedicado case a totalidade da súa existencia e enerxía. Pablo Abraira é todo o que foi. Sempre alerta ante a esquizofrenia que marca a diferencia entre o ser humano que un é, e o personaxe que a cada un nos toca representar no grande teatro da vida. Permanentemente expectante e tentando medrar e madurar como persoa, para poder alimentar ao artista de savia nova.
Será o venres 20 de Xaneiro as 23h30 horas. Os prezos 10 euros normal e 5 para socios.
EL NIÑO DE LA HIPOTECA
E o sábado un cantautor barcelonés que ten percorrido todo o país coa súa graza e a súa guitarra. Letras que combinan humor e melancolía, moita complicidade cun público que xa lle é do todo fiel e, sobre todo, ganas de divertirse enriba do escenario, son as credenciais de El Niño de la Hipoteca. Despois do éxito acadado co seu primeiro traballo Que te vaya bien, de pasar por moitos festivais do estado español e compartir escenario con grandes artistas, dá un paso máis na súa carreira cun novo proxecto, Mi novia de 2ºB. Un traballo máis maduro, fresco e con letras moi elaboradas. El Niño de la Hipoteca volve coas súas mellores galas e máis festivo que nunca. El Niño de la Hipoteca é Guiu Cortés, ou Guiu Cortés é El Niño de la Hipoteca. Despois de tocar no Metro de Barcelona, de militar en diferentes formacións musicais de estilos diversos e de editar un cd homónimo coa súa última banda, The Singletons (Batiendo Records, 2007), no ano 2008 nace o proxecto de El Niño de la Hipoteca. Con vontade de total independencia nace tamén o selo El Niño de la Hipoteca Records. Grazas á súa primeira maqueta (Toma Uno), que tivo moi boa acollida, atopou a maneira de subvencionarse. Tamén vendendo máis de 1500 demos nos directos durante o primeiro ano. No transcurso do fructífero 2008 compartiu escenario con La Cabra Mecánica, Ariel Rot, Quique González, Concha Buika, Amaral, Raimundo Amador e Los Delincuentes entre outros, visitando varias cidades importantes en máis de 60 concertos. No 2009 presentou o seu traballo de debut Que te vaya bien (El Niño de la Hipoteca Records, 09), dentro do Festival Barnasants 2009, na sala Luz de Gas de Barcelona, cun éxito total de público. Unha xira de máis de 80 concertos durante o 2010, entre os cales destacan as actuacións no Festival Barnasants por segunda vez consecutiva, no Festival Rockmeló, no Festival Esperanzah, no Festival Acústica e no Palau de la Música; compartindo cartel con Pedro Guerra, Amparanoia e La Troba Kung-Fu. Foi convidado a programas como Buenafuente ou Salvados, ambos en La Sexta e o seu ‘myspace’ rexistrou máis de 300.000 visitas. O seu segundo álbum publicouse este ano, baixo o título Mi novia de 2ºB que se presentou oficialmente no Festival Barnasants, con grande éxito de crítica e público.
Será o sábado 21 de Xaneiro as 23h30 horas. Os prezos 6 euros normal, 5 anticipada e 3 para socios.