O Covelo | O Concello de Covelo celebrou o pleno de investidura no que foi proclamado alcalde Pablo Castillo Amigo. Castillo tomou posesión do seu cargo cun emotivo discurso no que tivo palabras de agradecemento para as persoas e concelleiros/as que apoiaron o seu traballo nestes catro anos. Castillo quixo salientar ao exconcelleiro Jose M. Vázquez por acompañalo ao longo de todo este tempo.
Pablo Castillo, que goberna dende o ano 2014, tendeu á man a todos os grupos de goberno para mellorar a vida da veciñanza e prometeu atender as necesidades das catorce parroquias e dos seus veciños e veciñas.
O alcalde tomou posesión do seu cargo despois de acadar unha ampla maioría de oito concelleiros/as fronte aos 2 do BNG e 1 PsdeG-PSOE. O pleno de investidura non contou coa presenza do concelleiro do PSOE, José Fernández Muradás, ao que excusou o alcalde aludindo a cuestións de saúde.
Recoñecemento ao director do CEIP Antonio Blanco Rodríguez
O Concello de Covelo, a través do seu alcalde, quixo agradecer o traballo e a traxectoria do director do CEIP Antonio Blanco Rodríguez, Xoán Carlos Barbosa Fernández,no transcurso da celebración das graduacións do alumnado do colexio.
No día de hoxe o colexio público de Covelo celebrou as graduacións do alumnado de terceiro de infantil e sexto de primaria pero tamén a despedida do seu director. “Grazas Xoán por estes máis de 30 anos de traballo no noso colexio, tan só hai que ver como está o centro para decatarse de toda a dedicación que hai detrás. Foron moitas as familias que pasaron por aquí e dende o Concello, no meu nome e no de todas e todos os concelleiros, só nos queda darche as grazas e desexarte unha boa xubilación”, manifestou o alcalde de Covelo, Pablo Castillo.
Logo de 33 anos no centro educativo, e os últimos 21 como director, Xoán Barbosa tivo palabras de agradecemento para todas as persoas presentes, compañeiros e compañeiras, ANPA, persoal do centro, familias e alumnado. Durante as celebracións proxectáronse emotivos vídeos en homenaxe ao alumnado que se graduou e ao director Xoán Barbosa. Tamén houbo momento para os agasallos, recoñecementos, baile e xogos.