Ourense | Os integrantes da lista coa que o PSdeG-PSOE aspira a gañar ás eleccións locais do vindeiro 28 de maio en Ourense presentaronse á cidadanía no Centro de Interpretación das Burgas. No encontro houbo palabras de agradecemento para os aspirantes ao Concello máis tamén para todos aqueles que fixeron do partido un símbolo con 140 anos de historia loitando polos máis desfavorecidos e a igualdade.
Asistiron figuras relevantes da formación de Galicia como Valentín González Formoso, presidente da Deputación de A Coruña e secretario xeral do PSdeG-PSOE; Rafa Rodríguez Villarino, secretario provincial da formación en Ourense e Xosé Antonio Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela.
Paco Rodríguez, o candidato á Alcaldía da cidade de As Burgas polo PSdeG-PSOE, amosouse “optimista” e afirmou que o único pacto no que pensa é no “pacto coa cidadanía”. “Iso non implica que se hai necesidade, non cheguemos a acordos puntuais sobre temas estratéxicos, polo ben da cidade. Pero sempre desde a dignidade e o respecto a Ourense e poñendo sempre por diante o interés xeral da cidadanía, da man de todas as organizacións sociais e representativas do concello”, incidiu.
Explicou que, o lugar escollido para a presentación dos integrantes da lista coa que a formación se presenta ás eleccións municipais, representa o corazón da cidade e que “na auga que flúe descansa o xerme doutro Ourense con futuro”. Ademais, subliñou que o PSdeG-PSOE de Ourense sempre contou, e continúa a facelo, coas “persoas máis sensibles” que traballan polo ben común.
Baseou parte da súa intervención na necesidade de ofrecer oportunidades de futuro para que a xente xove non teña que emigrar: “Non podemos renunciar á esperanza. Se unha cidade non é capaz de reter á xente moza, acabouse. Sei que hai moita xente coma min, cos seus fillos fóra e sen poder desfrutar deles. Está nas nosas mans cambialo”. E nesta mesma liña, destacou o relevo xeracional co que contan na formación para dar resposta a todos os problemas que afronta a xuventude.
Pola súa banda, Natalia González, actual secretaria xeral e voceira municipal, número dous da lista para as eleccións municipais 2023, inaugurou o acto agradecendo á militancia todo o seu traballo para que “hoxe haxa partido en Ourense e esteamos máis fortes e unidos que nunca”. Transmitiu na súa intervención que “hai moita xente moza e moitas mulleres polas que loitar para conseguir unha sociedade máis xusta”. “Ímonos deixar a pel por vós”, sostivo dirixíndose ao público que asistiu.
Sobre o feminismo e a sororidade, necesarios para construir unha sociedade mellor, falou María Fernández Ojea, número catro da lista e filla do exalcalde de Ourense Agustín Fernández, na que foi a súa primeira intervención pública. “Eu sei de empatía, e sei que fai 13 anos volvín a esta cidade moi perdida. Atopeime de casualidade, como ocorre coas mellores cousas, a Natalia e Paco polo camiño. Confiaron en min e traballamos día e noite desde entón para facer de Ourense un lugar ao que chegar para quedarse”, lembrou sobre a súa traxectoria menos visible dentro da formación.
Valentín González Formoso, actual presidente da Deputación de A Coruña, apoiou ao candidato. “O municipalismo é unha aposta que ten que ver coa importancia que lle damos a estar preto da xente”, explicou e fixo un chamamento a recuperar a “dignidade” na política e no sistema de benestar.
Rafael Rodríguez Villarino, candidato á Alcaldía de San Cibrao das Viñas, amosoulle o seu apoio ao candidato e ramarcou que o Partido Socialista “sae a gañar” non só o Concello, senón tamén a Deputación. “Temos a historia da nosa banda e a un candidato que xa demostrou a súa valía e que conta co respaldo da formación na provincia e en Galicia”, afirmou.
O rexidor de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, amospu o seu pesar pola situación cultural que atravesa a cidade. “Gustaríame ver a Ourense recuperando o lugar que lle corresponde. Unha cidade que deu tantos artistas e intelectuais en beneficio de Galicia non está a ter a imaxe que lle corresponde”, rematou.