O título describe o espírito da exposición, segundo a artista
Madrid | Co título de “Paisaxes na memoria”, a pintora pontevedresa Amelia Palacios inaugurou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia unha exposición da súa obra, coa que se abriu a programación cultural deste novo ano na Casa. A mostra, que se exhibe en dúas das salas, poderá verse ata o próximo día 31.
Na inauguración, a artista estivo acompañada polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, que se referiu a ela como “pintora de calidade” que encarna “o paradigma da proxección cultural desta Casa, neste caso no ámbito das exposicións de arte”. “Refírome ao apoio aos artistas novos, galegos, con vocación e ademais valía, traballadores e rigorosos naquilo que fan; merecedores polo tanto de recibir de nós o impulso de promoción necesario fóra da Comunidade Autónoma, pois este é precisamente un dos nosos fins fundamentais, o de difundir a cultura de Galicia na capital de España”, precisou.
Destacou tamén a madurez da obra pese à xuventude da artista, o que considerou que se pode deber a que “Amelia aprendeu desde o momento en que naceu a linguaxe da pintura coa mesma naturalidade que o das palabras”, lembrando que é filla doutro grande artista, Alex V. Palacios.
Pela súa parte, Palacios explicou que co título da exposición tratou de describir o espírito desta súa nova mostra, na que “reflexionou sobre a transformación da luz, do tempo e da memoria, a través de paisaxes abstractas, tinxidas de misterio e ‘saudade’”.
“É a ‘saudade’ que sentín ao vivir en Madrid, lembrando Galicia. E agora, ao vivir en Galicia, lembrando Madrid. Aquí están as paisaxes desas lembranzas ou desas paisaxes. Paisaxes íntimas (interpretadas segundo o estado de ánimo). Paisaxes efémeras e cotiás. Paisaxes eternas, que duraron so un instante”, comentou Palacios.
Desta saudade fala tamén o arquitecto César Portela no seu texto de presentación do catálogo da exposición, describindo esta sensación compartida: “Aínda me lembro de cando, estudando tamén Arquitectura en Madrid, no mes de maio cando acudía a examinarme à Escola, saía da casa coa preocupación de aprobar e, polo camiño da Escola, ao baixar a costa do Paseo de la Ilustración, aparecía ao lonxe a Casa de Campo e provocábanseme espellismos. E entón o bosque de piñeiros transformábase na Ría de Pontevedra chea de barcos, dos máis diversos tamaños e tipos, que navegaban en tódalas direccións e con eles chegaba unha suposta brisa mariña e un forte cheiro a salitre que facía que aprobar pasara a un segundo plano e que desexara que se acabase o curso canto antes para volver a Galicia e mergullarme no Mar”.