Querida Mimina,
queridos fillos e netos de Isaac,
queridos amigas e amigos todos:
Nunca pensei que me tocaría esta difícil, esta dura tarefa de despedir para sempre a Isaac Días Pardo, amigo entrañable dende hai 56 anos, ou sexa, dende aquel rutilante Buenos Aires onde nos coñecemos unha tardiña de 1955.
Nunca imaxinei que tería que dicir estas palabras para darlle o definitivo adeus ó meu amigo máis querido. Pero tal é a realidade e temos que aceptala. Eu chegara a sentir que Isaac era eterno ou pouco menos. Dende algún lugar estaranos mirando cos seus ollos tenros e profundos, uns ollos ben abertos, como os dos personaxes dos seus cadros, e diranos con modestia e ironía “¿pero que facedes aquí? Grazas por vir, pero ídevos, esto acabouse e non hai volta que darlle. A vida é así”.
E nós aquí, diante do teu corpo levián e inerte. Déixanos facer, querido amigo, déixanos dicir siquera algo do moito que sentimos ante a túa ausenciai vital. Déixanos que che digamos cando menos grazas por ti, por haber vivido, por termos estado á túa beira, coa túa voz, coa túa sabia palabra, cos teus traballos, cos teus fermosos proxectos. Grazas polo teu sorriso, polo teu sentido do humor, pola túa perenne comprensión e solidariedade en todo momento e ante calquera circunstancia. Grazas pola túa permanente lección de humildade e de sabedoría. Alguén dixo que eras un xigante comprimido. E tiña razón, pois canta forza, canta enerxía albergabas en tan pequeño corpo.
Cantos golpes che deron. Cantas veces caíches e te volviches a erguer, home indomable. Ambos temos repetido xuntos aquel verso dun gran poeta arxentino: “no te des por vencido ni aun vencido”. Con moita dor e un gran tesón resistiches e venciches. Falabas moi seguido de fracasos, pero o único fracaso, se tal queremos chamalo, foi este, o da morte, algo natural, esperado por todos nós ó longo da vida como inevitable. Pero outro poeta, José Martí, dixo que a morte non é certo cando se cumpre con plenitude o ciclo da vida. Ese ciclo, o teu ciclo vital, cumpríchelo sobradamente, traballando sempre, loitando sempre, sen unha hora de descanso, sen un día de vacacións, porque anque se vivan noventa e un anos como ti viviches, o tempo, o de nós todos, sempre está taxado, e para quen sinta o impulso creador que ti sentías, a vida sempre será curta.
Falo en nome de moitos, poida que en nome de todos, pero por un momento voume referir á relación habida entre ti e eu, e contar o que quedou dela.
Quedou e queda o recordo daquela vez que nos coñecemos, daquel primeiro encontro en Buenos Aires, nunha exposición do común amigo Luís Seoane; quedan os nosos encontros no barrio porteño de Villa Pueyrredón, onde nos visitabas no noso fogar; quedan os encontros en Magdalena, naquela fábrica que erguiches case na Pampa; quedan tamén os encontros en Barcelona, en Madrid, en Gres, en Santiago, en Sada, en Sargadelo e tamén en San Marcos, onde noite a noite, durante ano e medio quedabamos por horas conversando sobre o ir e vir deste desarranxado mundo e da Galicia dos nosos amores.
Quedan máis de cen cartas túas e outras tantas miñas escritas en 48 anos de relación epistolar. Quedan todos os meus libros que editaches en Ediciós do Castro, algúns deles ilustrados por ti. Quedan tantas e tantas lembranzas que non é do caso reseñalas agora.
Aquí estamos, pois, querido Isaac, moitos dos teus amigos e admiradores, que quixemos acompañarte nesta derradeira viaxe. Naciches en Compostela e a Compostela voltas tras canear polo ancho mundo. Devólveslle á túa terra natal o corpo que che emprestou. Non podía ser doutra maneira por tratarse dun home xeneroso.
Aquí estamos en representación dos milleiros de homes e mulleres que te querían e admiraban, ou mellor, que te queren e admiran; digámolo en presente porque ti seguirás vivindo en todos nós. A túa obra trascende en moito esta fronteira da morte física.
Aquí estamos os que vivimos, e en boa medida nos formamos á túa beira e nos beneficiamos co teu facer, co teu maxisterio, co teu exemplo, coa túa tenacidade,
Co teu erguerte tras de cada caída, co teu escepticismo esperanzado, coa túa bonomía, coa túa humildade case franciscana.
Aquí estamos os que amamos a Galicia, que levamos dentro este fondo sentimento de patria, de raíz e destino, ó tempo que nos achegamos a outras patrias e somos tolerantes e solidarios con outros pobos. Así eras ti e así nos ensinaches a ser e a sentir. Tés máis discípulos dos que coidabas ter e moitos seguidores dos que nunca soubeches.
Aquí estamos os que pensamos que a morte non é tal no teu caso, porque vivirás para sempore en nós, nos nosos corazóns e na nosa lembranza. Vivirás porque tal foi a túa enteireza ó longo da existencia que te sobrepuxeches a contratempos, reveses, traicións, paus e pedras que che facían dicir que “cando aparecen os egoísmos o ser humano pervírtese”. Moitos de nós escoitámosche esa frase chea de verdade.
Aquí estamos os que tratamos de seguir o teu exemplo, ese herdo que nos deixaches de conduta, de ética, de humildade, de servizo ó teu país, de compromiso e xenerosidade. Procuraremos imitarte, procuraremos seguirte, modelo para sempre, paradigma anticipado do home que terá de vir, do home, do ser humano do futuro. A túa creatividade, a túa intelixencia excepcional, a túa inimitable capacidade de traballo sempre foron para todos nós un rumbo, un norte, pero moito máis por iren acompañadas de grandes virtudes e da calidade humana que había en ti.
Os que aquí estamos, e moitos máis que non puideron estar, continuaremos a túa obra, e se eso, polas súas dimensións, non fose posible, seguiremos cando menos o teu comportamento modélico, a túa filosofía da existencia.
Aspiramos a que os máis novos, nenas e nenos, adolescentes e xoves de hoxe sexan coma ti.
Se queremos un artista deste tempo, un anovador da arte galega, en temas e en formas, queremos que sexa coma ti.
Se queremos un ser emprendedor, con ideas e iniciativas de progreso, queremos que sexa coma ti.
Se queremos un home de letras, de palabra honrada, precisa, elevada, cunha mensaxe perenne de esperanza, queremos que sexa coma ti.
Se queremos unha persoa (home ou muller) que estude, evoque e respecte o noso pasado, a nosa memoria histórica, queremos que sexa coma ti.
Se queremos un patriota que loite nos máis diversos campos polo seu país, pola recuperación da súa identidade e polo seu adianto cultural e social, queremos que sexa coma ti.
Se queremos, en fin, un cidadán comprometido coa súa patria e coa humanidade, un home honrado, modesto, traballador, xeneroso, queremos naturalmente que sexa coma ti.
Querido Isaac, artista, economista, arquitecto, escritor, poeta, deseñador, home de pensamento e por enriba de todo home de ben, aquí te pousamos, na túa terra santiaguesa, unha parcela da túa amada terra galega. Deixamos aquí o teu corpo pero quédanos algo máis perdurable. Quédanos a túa obra inmensa e quédanos de por vida, e máis alá das nosas vidas, o teu exemplo.
Queridísimo amigo, compañeiro, irmán, descansa en paz.
Xosé Neira Vilas
Cemiterio de Boisaca (Santiago)
6 de Xaneiro de 2012