Debemos celebrar a aparición dunha novidade editorial, Palestina. De los Acuerdos de Oslo al Apartheid (Los Libros de la Catarata, 2023), obra conxunta elaborada polos profesores José Abu-Tarbush e Isaías Barreñada. Unha análise nítida, moi ben documentada e con capacidade visionaria que narra as expectativas e frustracións xeradas polos Acordos de Oslo (1993) entre o Estado de Israel e a Autoridade Nacional Palestina (ANP) Un acordo infrutuoso e do que ninguén xa fala. Un acordo que este pasado mes de setembro cumpríu tres décadas da súa materialización.
“Cómo ver o drama palestino cando ningún medio nin moito menos os mass media se atreven xa a falar del?”
Palestina é esa causa que, como moi poucas, espertou tanta solidariedade en milleiros de persoas ó redor do mundo pero que, ó mesmo tempo, tamén acadou tantas frustracións, traizóns e indiferenzas ante os manexos por parte dos grandes poderes e, particularmente, pola política do Estado israelí de torpedear calquera paz xusta.
Unha dura diagnose da traxedia palestina fan os dous autores, Abu-Tarbush e Barreñada, na introdución deste libro que me permito reproducir pola súa crueza: “la actividad más normal y cotidiana, como asistir a una escuela, puede convertirse en un tortuoso laberinto, en la que muchos menores han visto arrebatada su vida por el ejército colonial. La sensación de claustrofobia, de estar encerrados en guetos, pequeños bantustanes (…) o, simplemente, en una cárcel a cielo abierto, se convierte en algo habitual”.
Sobran as palabras para analizar con tanta certeza o drama palestino. Pero abondan as preguntas: cómo ver o drama palestino cando ningún medio nin moito menos os mass media se atreven xa a falar del? Cómo asumir o apartheid dun pobo que este 2023 no que se celebra o 75º aniversario da creación do Estado de Israel, os propios palestinos deben seguir observando cómo continúa a súa Nakba, a súa traxedia de ver arrebatadas as súas terras, e que segue latente ante a indiferenza mundial? Un triste aniversario do que tampouco escapa a propia sociedade israelí, hoxe aparentemente polarizada en protestas cidadás contra a deriva ultrarelixiosa e nacionalista do enésimo goberno do dereitista Benjamín Netanyahu. Un aspecto que, se ben revela certos problemas de identidade que confirman a artificialidade histórica que representa o Estado de Israel, non asume ningún mea culpa, ninguha posibilidade de comprensión do drama palestino.
E seguimos coas interrogantes: cómo observar o que sucede nos territorios palestinos cando a colonización israelí aumenta sen parar e con impunidade, como ben din os dous autores deste libro? Cómo definir o drama palestino cando a propia Israel comeza a ser ‘normalizada’ diplomaticamente por un mundo árabe que, dende Marrocos ata Arabia Saudita, amosase indiferente ante unha causa que debía ser a súa propia, cando no seu momento o foi, aínda que sexa de xeito oportunista?
Porque tanto como o drama palestino están tamén o dos saharauís e o dos kurdos e doutros tantos pobos destrozados pola infernal mecánica dos intereses imperiais, da realpolitik e da indiferenza e incomprensión dunha boa parte da opinión pública e dos grandes poderes mundiais.
A reflexión final dos autores non pode ser máis inquietante: “tres décadas después de Oslo, la situación humana y política de los territorios está considerablemente peor que antes (…) los palestinos están solos”. Soidade da que é cómplice unha comunidade internacional indolente e indiferente pero tamén atomizada polos cambios sistémicos da política internacional derivados da guerra de Ucraína. Dramas que tamén aparecen, de cando en vez, en diversos puntos do planeta dende Níxer ata Nagorno Karabaj.
Pero a atención, o foco mediático e político, non se ocupa xa de Palestina salvo cando o terrorismo fai acto de presenza, sempre por suposto ‘culpando’ aos palestinos, mentres o “terrorismo de Estado” israelí é silenciado nos medios e o apartheid que vive dende fai sete décadas a poboación palestina non xenera solidariedade nin posibilidade de solución por parte dos grandes círculos de poder. E finalizamos con outra interrogante: ata cando?