A Coruña | Desde a Agrupación Cultural O Facho organizará este 28 de xaneiro ás 20 horas na súa sede (Portas Ártabras – Rúa Sinagoga 22 baixo. Cidade Vella – A Coruña) a primeira das Palestras públicas do primeiro trimestre de 2025 coa participación do arqueólogo e investigador Antón Fernández Malde co tema “Rutas de poder: Camiños antigos e organización do territorio”.
Os cambios do poder vanse ver reflectidos en variacións na rede viaria (nos camiños) que, a súa vez, están a indicar cambios na estrutura de organización do territorio. Dito de outra maneira, os cambios na rede de camiños está a indicar unha distinta pauta de organización do territorio relacionada con cambios no poder.
Certamente, o traxecto dos camiños antigos están moi condicionado polas condicións xeográficas. Así, grandes formacións naturais impiden o tránsito mentres que noutros casos a súa ausencia facilitan a circulación (corredores naturais utilizados de forma histórica). Porén, os camiños antigos non son simples condutos de desprazamento. A rede viaria é unha peza importante da organización do territorio. A estrutura de poder determina que lugares son relevantes, e por tanto para onde deben ir os camiños. Os cambios na rede viaria poden estar a relacionados con mudanzas na estrutura de poder.
Indo á realidade, temos escoitado dicir que os camiños medievais son unha continuidade das vías romanas. É unha verdade a medias. Efectivamente, coñecemos o traxecto de algunhas vías romanas analizando, entre outras, a traza dos camiños medievais. Pero as veces hai cambios substanciais. Nesta charla imos analizar varios casos novidosos nos que estamos a traballar, nomeadamente na zona do Monte do Gato.