Mos | As Palilleiras de Mos veñen desenvolvendo, dende outubro do ano pasado, coa sede de Cogami en Mos, sita no Rebullón, un Obradoiro de Encaixe de Bolillos cos usuarios e usuarias da Asociación.
A presidenta das Palilleiras, Montserrat Pereira Troitiño, destacou a este respecto que “a idea naceu do interese por iniciar unha colaboración entre ambas asociacións, que tivese un fin terapéutico para os usuarios e usuarias de Cogami, ao tempo que poñiamos en marcha un proxecto común que perdurase no tempo”.
Deste xeito naceu a iniciativa de que as palilleiras mosenses impartisen varias sesións de palillos aos usuarios de Cogami, nas que confeccionasen conxuntamente, con encaixe, o logo que xa se atopa rematado e que, dende hoxe, loce na Vivenda de Transición de Cogami no Rebullón.
Celso Álvarez, coordinador de Cogami, recibiu de mans de Montse Pereira, presidenta da Asociación (que tamén se encargou da adaptación do deseño do logo para o encaixe con palillos), e doutras 5 palilleiras de Mos, o logotipo de Cogami feito de bolillos, e ambos, tanto Álvarez como Pereira, destacaron “a enorme contribución deste proxecto na mellora das capacidades psicomotrices dos usuarios de Cogami participantes no mesmo, así como como o seu gran valor de inclusión social na comunidade para eles e elas”. Os bos resultados deste proxecto común confluíron no compromiso, por ambas partes, de emprender unha nova iniciativa xuntas tras o verán.