Daqui, dalá e dacolá.

Hoxe non os vou incomodar coas miñas veleidades políticas e intelectuais. Supoño que alguén se terá  preguntado, pero, quen é este señor, individuo ou como se exprese, para darmos leccións de nada?

E ten razón; o problema é que a algúns aínda nos corre sangue vermello polas veas e nos leva o demo cando escoitamos ou lemos certas barbaridades que pretenden creamos como se foran a Biblia para os crentes. Diante diso, vanme permitir, eu sublévome. Como? Pois conversando, escribindo.

Pero tranquilos. Hoxe, como lles prometín, vou limitarme a indicar uns cantos temas de actualidade. Farei, como non podería ser doutro xeito, un breve comentario e dareille o consello de que se están interesados tiren do fío e de que se informen axeitadamente e con calma  porque os temas dan para moito. Algúns xa levan uns meses no “mercado da información”, outros son máis recentes.

Vexamos:

Celebrouse un Seminario sobre “Justicia algorítmica en clave de género”. A doutora en Política Tecnolóxica Gemma Galdón, presidenta da Fundación Éticas, dinos que non podemos reducir a complexidade humana; estamos implantando algoritmos sinxelos para ámbitos complexos. A complexidade que vemos os humanos é ciencia ficción para a Inteligencia artificial (IA). Senón intervimos seguirán pagando os de sempre, dinos a doutora.

Michelle Bachelet, Alta comisionada de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, vén de solicitar con urxencia unha moratoria na venda e uso dos sistemas de Intelixencia Artificial. Mesmo solicitou a prohibición  directa cando esta tecnoloxía non cumpra coas normas internacionais.

A  Intelixencia Artificial pode ser unha forza para o ben, que axuda á sociedade a superar algúns dos maiores retos deste momento; pero tamén pode ter efecto nocivo, incluso catastróficos, cando se usa sen prestar a debida atención á súa capacidade de vulnerar os dereitos humanos, comenta tamén Bachelet.

Outra “perla” informativa destes momentos e da que vostedes terán escoitado e lido moito, dun lado e doutro, é o “asunto da vivenda”.

A vivenda é algo serio na vida da persoas. Estean solteiras ou casadas, xa non digamos viúvas/os. Todos precisamos un teito que nos acolla para sentirnos como persoas. Por desgraza , xa temos moitos cidadáns que se ven na obriga de vivir debaixo dunha ponte. Deses falaremos outro día.

Un ilustro político, do que non quero lembrar nen sequera o seu nome, dixo, tan tranquilo, que calquera que teña un posto de traballo e un soldo xa ten acceso a unha vivenda; que non é preciso dramatizar tanto.

Pregunta, en que mundo vive este espécimen político? Tivo necesidade de buscar aluguer nas grandes cidades cun soldo de 900 ou 1000 euros? Falamos dun “estudo” que non dunha vivenda como todos a entendemos, claro. Coñece canto gaña un traballador na hosteleria lavando pratos ou meténdoos nunha máquina e logo sacalos e ordenalos no sitio correspondente?  Sabe o soldo dun peón albanel nunha grande cidade, agora que parece a construción se está tirando á piscina sen calcular, demasiado, se ten auga ou non? Non fagan o mínimo caso. Visiten distintas inmobiliarias e comproben cal é a realidade.

Levarán indesexables sorpresas, pero isto é o que hai. Os políticos non teñen ese problema, por iso botan a lingua ao clareo e tan panchos.

Principio de curso; de canto teño que dispoñer para mandar os meus fillos/as ao colexio?
Ben aquí temos un tema confuso e descoñecido para moita xente.

“Aínda non tivemos, dudo que algún día o teñamos, un Goberno (como existen en moitos Países da nosa contorna) que ofreza unha educación gratuita dende o parvulario ata a universidade”

Aínda non tivemos, dudo que algún día o teñamos, un Goberno (como existen en moitos Países da nosa contorna) que ofreza unha educación gratuita dende o parvulario ata a universidade. Aí estarían, obviamente, incluidos os libros de texto. Non digo tamén as carteiras escolares porque este é un capítulo que cada familia desexa controlar. Aínda que non sería disparatado que tamén foran gratuitas as carteiras. Por que non?

Non obstante, cando chega o  principio de curso os pais e nais non se libran dunha forte dor de cabeza. Organizar un comezo de curso para varios nenos ou nenas, rapaces ou rapazas, tíralle o sono a calquera. Sen embargo temos que sufrir  aos altofalantes de turno coa cantinela de que a cousa non é para tanto; sobre todo aos ricos e aos políticos. Aos ricos porque para eles é o momento de mostrarse diferentes mandando ás súas crías a colexios privados, onde, iso din, ensinan idiomas, teñen profesores nativos, departamentos de ximnasia, música, etc. Claro que custan cartos pero aí está o seu sinal de distinción. Vemos os alumnos pola rúa e xa sabemos que non reciben ensinanzas nun colexio público. A estes pais e nais o principio de curso non lles preocupa. Todo o contrario, libéranse de ter que aguantar os fillos/as na casa máis tempo do normal,  privándolle de sair coas amigas á cafetería ou ao ximnasio pra non  perder as formas.

Vostedes se non pertencen á alta sociedade non deixen de presionar o goberno de turno, sexa da cor que sexa, para que a gratuidade chegue a todas as familias. Se hai algunhas ás que non lles preocupa e prefiren seguir distinguíndose das demáis, alá cada cual. Pero o sufrimento e as dores de cabeza da maioría das familias iso é importante e serio. Días atrás alguén, non importa quen, me comentaba que tiña uns amigos que presumían  de que os seus fillos entraran  nos respectivos colexios con 3 anos e, estaba previsto, sairían aos 20 ou 20 e tantos anos  cun título universitario debaixo do brazo. Efectivamente, iso ocorre.

“Vostedes se non pertencen á alta sociedade non deixen de presionar o goberno de turno, sexa da cor que sexa, para que a gratuidade chegue a todas as familias”

Podemos ser testemuñas por entrar no despacho dalgún personaxe importante (home ou muller) e comprobar como ten a parede cuberta con títulos de distintas actividades pendurados na parede. Nalgúns casos pensamos que, se esa persoa de verdade fixo todo aquilo que mostra, ten que ser un fenómeno na súa materia. Claro que logo a realidade dános nos fociños e comprobamos como apenas existe relación entre o que potencialmente representan os títulos e o que nos demostra o personaxe en cuestión. Pero, como di un amigo meu “por papeis que non quede”. Ten razón. Xa dicían os vellos do lugar: onde hai papeis calan barbas. Así que nós a calar.

O importante é darlle caña ao goberno de turno.

Estamos metidos en fariña económica. Os orzamentos para 2022 están sendo “pulidos” no Congreso dos Deputados. Alí podemos escoitar de todo; ata palabras malsoantes, insultos ás veces que a  presidenta do parlamento  debe cortar de raíz.

“Que lles pasa aos políticos para ser tan maleducados ?. Eles erre que erre para ofrecernos unha nova lei de educación e logo resultan ser uns maleducados….”

Que lles pasa aos políticos para ser tan maleducados ?. Eles erre que erre para ofrecernos unha nova lei de educación e logo resultan ser uns maleducados…. Está claro que tal como sabemos dende sempre  unha cousa é a ciencia, outra a civilización e outra ben distinta é a educación. Claro que hai quen pensa que se ten un título universitario xa se pode permitir certas libertades lingüísticas; ou sexa, xa pode ser maleducado/a porque como se lle considera importante, distinguido/a, xa lle perdoamos todo. Pois vai ser que non. A educación é algo que vén de familia; algo que nos trasmiten nosos pais dende a teta; si, porque aos críos as nais ata lles educan mentras lles dan de mamar. É na familia onde aprendermos a comportarnos con educación, respectando os demais; considerándoos ao mesmo nivel ca nós e mostrando bos modais. Podemos ser moi listos, como se dicían  nos meus tempos de estudante; podemos estar moi civilizados porque temos mundo, como se dicía daquela, pero tamén podemos ser uns perfectos maleducados.

En que quedamos? Queremos ou non queremos Poder?

Presten atención, non se deixen engaiolar cando un político, por exemplo un presidente autonómico se laia de que o Goberno Central non lle dá poderes, non lle permite facer cousas que lle gustaría ofertar aos cidadáns da súa autonomía. Pode resultar, normalmente é así, que o fagan por desgastar o Poder Central, sexa do partido que sexa, porque ocorre que cando, precisamente dende o Poder Central, lle dan  “poderes” renuncian a utilizalos ou replican que esas “cousas” debe facelas o Goberno Central. Lémbranse da pandemia (claro, aínda non se foi de todo). As Autonomías criticaban que Madrid quería mangonear todo. Logo cando Madrid decide compartir poder, e aínda permitir  que os dirixentes autonómicos tomaran decisións propias, entón contraatacan dicindo que Madrid quere lavarse as mans nos momentos conflitivos.

Non pasou só coa pandemia, pasa nestes momentos coa lei de vivenda. Asunto complicado, por suposto. O problema da vivenda é un dos máis difíciles de resolver. Millóns de cidadáns sen vivenda propia e sen capacidade para alugar unha porque os alugueres están polas nubes. Chegados a este punto o Goberno Central tenta levar ao BOE unha nova lei de vivenda na que, dalgún xeito, se “controlen os abusos” dos propietarios de vivendas, sobre todo eses lobbys que se fan con miles delas e logo xogan coas necesidades da xente. Esta lei cede Poder ás Comunidades porque o tema da vivenda está traspasado; non é o Goberno quen ten a capacidade de aplicar a lei; si de lexislar , como non podía ser doutro xeito, pero non para aplicala. E resulta que agora certas Autonomías xa se enfrontan ao Poder Central anunciando que non van utilizar as ferramentas que o Goberno Central pon nas súas máns. Por que? Aqui está a nai do año. Para permitir que os cidadáns de baixo poder económico poidan ter acceso a unha vivenda de aluguer, a lei establece certos criterios para que os propietarios non abusen.  Claro que estes “señores” maioritariamente son xente de alto poder económico; altos propietarios aos que lles molesta que alguén veña a importunalos nas súas tomas de decisión. Ou sexa, queren facer o que vaia ben aos seus petos sen importarlles  quen sexa a vítima. Eles/as son donos de pisos e vivendas e o que precise  aluguer que pague o que lles vai ben ás súas economías.

“O problema da vivenda é un dos máis difíciles de resolver”

Aqui é onde ten que intervir o Poder Autonómico. Pero, claro, eses propietarios son “amigos do Poder” e poden sentirse ofendidos de que alguén se diga como ten que alugar os seus inmobles. Xa se imaxinarán de que estamos falando. Claro, para gobernar a favor dos mais necesitados hai que “molestar” aos que máis teñen que non están dispostos a distribuir a riqueza que a todos pertence (aínda  que estea mal repartida), pero que eles sós controlan.

Quen dixo “medo” habendo tantos e tan ricos?

Ai temos unha mostra. Vimos de coñecer uns datos que dan calafríos. Durante o tempo de pandemia, cando todos ou cáseque todos, estivemos pechados nas nosas casas, cando os pequenos empresarios tiveron que pechar os seus negocios, resulta que nos encontramos cun fato de cidadáns que se enriqueceron dunha forma escandalosa. As maiores fortunas deste País creceron un 17%. Entre os 100 máis  ricos suman por enriba dos 150.000 millóns de euros. En cabeza Amancio Ortega;  ese señor ao que se lle pon alfombra de prata cando fai unha doazón  dun aparato hospitalario que custa 200 millóns de euros, por exemplo. Claro que poucos se atreven a publicar que ese señor gañou en plena pandemia preto de 20.000 millóns de euros. Que pasa con el e con outros 99 máis na relación que se nos ofrece? Ah! Claro, son máis listos que os demáis, son máis traballadores, apenas dormen, en fin, non hai quen lles gañe en sacrificios en traballo en entrega…Vostedes cren que será así? Seguro que non.

“As maiores fortunas deste País creceron un 17%. Entre os 100 máis  ricos suman por enriba dos 150.000 millóns de euros. En cabeza Amancio Ortega”

Nesta relación, que non imos reproducir para non ser pesados  atopamos a cidadáns como Sandra Ortega, a filla de Amancio Ortega, á que se lle asigna un capital de 6.138 millóns de euros  (nº 344 do ranking mundial); logo podemos atopar a Juan Roig, presidente de Mercadona con 3.500 millóns de euros, ou a Rafael del Pino, accionista maioritario de Ferrovial, que ocupa a 4ª posición con 3.279 millóns de euros.

Dáse a circunstancia de que a pesar dos estragos provocados pola pandemia produciuse un incremento no patrimonio dos máis ricos e un número de novos multimillonarios nunca visto ata agora. A revista Forbes, que, como vostedes saben, se ocupa destes temas, rexistrou un total de 2.755 persoas cun patrimonio superior aos 1.000 millóns de dólares, o que significa un aumento de 660 persoas máis que hai un ano. En total, esas persoas, acumulan unha riqueza de 13,1 billóns de dólares (11,015 billóns de euros). Oito billóns de dólares máis que no ano 2020. Incrible, pero certo.

Ás veces preguntámonos quen manda neste puñetero mundo para que as cousas estean tan mal. Que cren? Como vai toda esta xente preocuparse dos problemas da humanidade se eles non saben o que son eses problemas. Sacan de chequera, que diría un arxentino, e problema resolto. E nós, que facemos? Pois polo que se ve tratar de non molestalos demasiado. Todos os días nos lembran que non é acertado despertar a fera, non vaia ser que aínda sexa peor (non é un xogo de palabras).

“Ás veces preguntámonos quen manda neste puñetero mundo para que as cousas estean tan mal. Que cren?”

Cando nos enteramos destas cousas e ao mesmo tempo somos informados de que un Grupo Inmobiliario extranxeiro, ou non, trata de poñer na rúa unha familia porque non pode pagar o aluguer que ata agora pagaba porque era dun propietario normal que lle cobraba unha cantidade asequible, como se di vulgarmente, lévanos o demo.

Que teríamos que facer? Que debemos facer honestamente? Mirar para outro lado se a nós non nos toca? Pedir coa boca pequena que “por Deus , teñan algo de compaixón”? Ou pechar os dentes e berrar forte e alto que isto non é tolerable?

Vostedes deciden. A miña resposta creo que xa a coñecen. Sexan felices se poden.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»