Xosé González Martínez é presidente do Foro E. Peinador, secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixto e fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas e da Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.
O Foro Peinador vén realizando unha importante labor de promoción do galego en todos os ámbitos da sociedade. Que balance pode comentarnos sobre este emprendemento?
O balance que podemos facer é positivo. Cómpre sinalar que a primeira entidade na historia da lingua galega que promoveu o seu uso no ámbito socioeconómico foi a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, que permitiu a galeguización das empresas “Electrodomésticos San Luís”, Larsa, “La Fe”, “Castromil”, “Construcións Malvar”, “Covsa”, entre outras. Posteriormente a AFNLG deulle paso ao Foro E. Peinador, que promoveu durante varios anos os “Encontros de Lestrobe” en Padrón. Por eles pasaron ao pé de 100 empresarios que foron informados dos obxectivos de galeguizar as empresas atendendo cadansúa peculiaridade.
En novembro se conmemora a festividade de Todos os Santos, e como indica no seu artigo de opinión “Falar cos mortos”, este mes “estará inzado de actos de pedagoxía galeguizadora en moitos cemiterios do país”. Un deles é un acto no cemiterio de Lira. Que nos pode comentar deste evento?Hai trinta anos, a AFNLG puxo en marcha unha iniciativa novidosa: “En galego, agora e sempre”, utilizando un verso dun poema de Ramón Cabanillas. Partíamos dun feito constatable: os espazos da memoria (cemiterios) estaban castelanizados. Nesa época unicamente unha de cada mil lápidas estaba escrita en galego. Hoxe, despois da celebración anual dos chamados “Días da Restauración da Memoria Lingüística”, podemos afirmar que a evolución é progresiva. En colaboración cos familiares procedemos a substituír epitafios en castelán por outras en galego e cos Concellos para sufragar o custo das lápidas e da placa que colocamos na porta dos camposantos. Tamén repartimos a “Declaración de Vontades” para promover a galeguización deses espazos e mantemos contactos coas empresas funerarias de Galicia para organizar o Funergal que anualmente se celebra en Ourense, O dato negativo é o das esquelas que se publican en galego nos medios de comunicación. Había máis hai trinta anos ca hoxe.
“O devalo na perda de galego falantes vén de vello”
A recente enquisa do Instituto Galego de Estatística reflicte que, por primeira vez na historia as persoas residentes na nosa Comunidade falan exclusiva ou nomeadamente o castelán (52,4%) por riba do galego (47,6%) Na mocidade é igualmente perceptible este retroceso: un terzo dos menores de 15 anos non sabe falar galego e só un 16% emprega a lingua acotío. A que cre que pode obedecer este retroceso?
A polémica da perda de falantes que motivaron os resultados ofrecidos polo IGE non sorprende. O devalo na perda de falantes vén de vello. Esta perda vén sendo progresiva por moitas e varias razóns. Pareceunos impropio o balance triunfalista que fai tres anos fixo unha institución académica como a RAG. Hoxe din o contrario, denuncian á Xunta de Galicia urxíndolles un “Pacto pola Lingua” cando este xa se celebrou no Parlamento de Galicia en 2004 no momento de aprobarse por unanimidade o Plan Xeral de Normalización Lingüística. O que ocorreu é que tanto o Goberno como os grupos parlamentarios esquecéronse de dotalos economicamente e que non quedase só nun prontuario de medidas a aplicar. Por outra banda tamén fracasou a política de apoiar desproporcionadamente á industria editorial durante moitas décadas, cuxa incidencia na galeguización non foi decisiva. O ensino tamén fracasou, antes e despois da aplicación do coñecido decreto do plurilingüismo.
Como cre que poden reactivarse o interese polo galego e a normalización lingüística dentro da sociedade galega?
A solución está en procurar novos axentes para galeguizar o país e establecer unha política lingüística de maior periodicidade. O pensamento dos fundadores do Foro E. Peinador era, e segue a ser, que a sorte do galego no futuro dependerá do prestixio social que acade e, neste senso as empresas serán entidades imprescindibles porque nelas converxen traballadores e consumidores. O Foro tamén incidiu nas administracións públicas para que abrisen novos horizontes con propostas como os “Dereitos Lingüísticos dos Traballadores ante o Consello Galego de Relacións Laborais ou a Lei de Consumidores e Usuarios que incorporase os dereitos dos cidadáns nas relacións contractuais. A cidadanía pode facer moito por galeguizar promovendo o consumo de productos etiquetados en galego, instando á aplicación da lingua no sistema xurídico ou demandar así como demandando o uso do galego nas empresas prestadoras de servizos domiciliarios (luz, telefonía….)
A nivel oficial, especialmente por parte da Xunta de Galicia, observa un apoio decidido para fomentar o galego na vida cotiá ou, polo contrario, a aposta é por un bilingüísmo que beneficia mais a utilización do castelán?
Durante anos, especialmente nos gobernos de Manuel Fraga, urximos pola adopción do Pacto pola Lingua. Pero o mesmo debe ter varios escenarios: Xunta, Concellos e Deputacións, partidos políticos, sindicatos, asociacións profesionais e colectivos culturais. Hai que desenvolver campañas de dinamización coas debidas medidas pedagóxicas. Tamén os Concellos teñen que facer outro labor complementario coas demais institucións e axentes sociais.
O salientable é que este retroceso do galego acontece en momentos en que o BNG consolídase como a principal alternativa de goberno en Galicia, con resultados históricos nas recentes eleccións autonómicas (febreiro de 2024) Como pode explicarse esta realidade?
O nacionalismo pode medrar en votos pero non en conciencia nacional. Como explicar que o 45% dos votantes do BNG nos últimos comicios para a elección do Parlamento sexan castelán falantes? Ten que ser a Xunta ou os que recibiron os votos os que teñen que galeguizar aos seus votantes?
“O nacionalismo pode medrar en votos pero non en conciencia nacional”
Se queremos que medre a conciencia galega e a autoestima dos galegos e galegas hai que partir dun principio: a solución está en todos os axentes sociais, institucións… que deben actuar coordinadamente, ou atendendo ás peculiaridades dos territorios nos que gobernan.