Natural da parroquia de Leirado en Salvaterra de Miño, Mónica Cabaleiro Álvarez expón no Parque da Canuda a súa obra “Vida”, un puzzle de máis de 33.000 pezas que completa o seu primeiro traballo “Vida Salvaxe”. Tomando esta actividade por hobbie, a artista persegue un novo reto; crear un puzzle de 42.000 pezas que levará por nome “A Volta ao Mundo”.
Comencemos cunha breve referencia persoal túa.
Son Grado Superior de Turismo, con especialización en xestión e organización de recursos naturais e paisaxísticos e de alonxamentos turísticos. Actualmente son a gobernanta do Hotel da Natureza Nande en Rubiós (As Neves)
Salvaterra exhibe as túas obras “Vida Salvaxe” e “Vida”. Poderías falarnos cómo tes realizado estas actividades e canto tempo levouche facelas?
O primeiro que fixen, o de “Vida Salvaxe”, ten 33.600 pezas, empecei a facelo a raíz da pandemia, compaxinando o traballo co tempo libre. Logo animeime e fixen un segundo puzzle, “Vida”, de 24.000 pezas, que é da mesma casa e do mesmo creador. Remateino en seis meses. En agosto do ano pasado, con motivo do meu 33º aniversario, a miña familia regaloume o puzzle máis grande, de 42.000 pezas, e comecei a facelo.
“Para mín é un hobbie, é coma unha afección que retomas cada certo tempo”
Isto supón para ti un hobbie, unha actividade ou é un proxecto de vida?
Para mín é un hobbie, é coma unha afección que retomas cada certo tempo. Sempre tiven moitos puzzles na miña casa e iso incentivoume a facer esta actividade. Todo isto sen ánimo de lucro e sen pensar nun proxecto determinado. Son actividades que gústanme e me relaxan.
Buscas transmitir algunha mensaxe coas túas obras?
Para mín, a natureza é o máis bonito que pode existir. Por tanto, o tema dos animais, das prantas, a natureza era para mín unha imaxe perfecta e por iso quixen reflectilo nestas obras.
Tes algún apoio institucional?
Non, todo saíu de mín. Está exposto aquí no Parque da Canuda por razóns de espazo. Paseando polo Parque da Canuda vin que era un lugar idóneo para expoñelo e por iso falei coa alcaldesa Marta Valcárcel porque facíame ilusión que a xente puidera ver este puzzle.
Cómo ten sido a receptividade do público aos teus traballos?
A xente dinme que teño moita paciencia, moita forza de vontade, queda impresionada co traballo. E a mín sorprendeume moito a acollida que tivo e as mensaxes de apoio e de felicitacións. Tampouco agardaba a boa acollida que tivo na prensa. E tamén percibín que, a raíz destas exposicións, entre os rapaces levantouse a afección por facer puzzles.
Eres o único caso aquí en Galicia de facer puzzles desta dimensión?
A verdade é que non o sei. Para amosarlle a imaxe do puzzle completo á alcaldesa, sí que investiguei e vin que existía unha exposición feita en Combarro. Pero seica neste caso foi por medio dunha asociación con varias persoas. Pero individualmente, non sei se existe algún precedente.
Cales son os teus próximos proxectos?
Agora mesmo, rematar o puzzle que acabo de comezar que se titula “A Volta ao Mondo”, de 42.000 pezas. O meu prognóstico é que me leve un ano facelo.