Para o BNG Ourense, “Café con Radón” é a última e innovadora proposta de Jácome

O Concello pretende trasladar a oficina de turismo a un edificio administrativo

Ourense | O Concello vén de anunciar a través dunha nota de prensa a súa intención de trasladar a oficina de turismo que ten nos baixos do Xardín Padre Feijóo a unha nova ubicación, concretamente ao edificio administrativo da Praza de San Martiño, por ser un lugar “emblemático” da cidade, aínda que a nivel interno e segundo puido saber o BNG, as razóns que o executivo local aduce “son os altos índices de Gas Radón existentes no local da rúa Isabel A Católica”.

Coñecido este feito, para a formación nacionalista é absolutamente sorprendente que “ao mesmo tempo que se traslada unha oficina municipal aducindo razóns de seguridade e saúde debido aos altos índices de Gas Radón existentes na mesma, se anuncie que ese espazo vai ser licitado como cafetería”.

Luís Seara admite “a innovadora proposta de Jácome, café con Radón, xa que non se entende cómo é posíbel que un local non sirva para albergar unha oficina de turismo por ser un espazo contaminado pero sí unha cafetería” e engade, “a non ser que o que se pretenda é a reforma integral do local para posteriormente polo en mans privadas”.

Desde o BNG entenden que “Jácome ten unha enorme obsesión coas cafeterías e con cederlle aos seus amigos espazos públicos” e sinalan “máis que como alcalde, actúa como un axente inmobiliario pero xogando co patrimonio de toda a veciñanza”. Os nacionalistas adiantan que pedirán acceso ao expediente e ás medicións de Gas Radón realizadas no local que ocupa actualmente a oficina de turismo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.