Vimos de saír dun ano un tanto convulso. Varias eleccións non esperadas , tomas de posesión fallidas e outras por fin conseguidas aínda que polos pelos.
Os medios de comunicación despelotados informando, é un dicir, do divino e do humano sen privarse de mentir, enganar e desinformar. E no medio de toda esta marabunta estamos nós, os cidadáns que temos posicionamentos sobre temas que apenas coñecemos pero que enchemos eses novos xornais chamados “da rede”, eu diría mellor enredados nunha rede da que non saben como saír e que cada vez se enredan mais nesta telaraña de medios dixitais que se converteron nunha especie de oráculo de Delfos.
Todos temos opinións de todo, aínda que non teñamos coñecemento de nada. A economía, os temas xurídicos, o uso ou mal uso das linguas,…todo se somete ao criterio vulgar que se converte nunha especie de biblia popular.
“O País chamado España está partido en dúas partes cáseque iguais”
O País chamado España está partido en dúas partes cáseque iguais. Dunha banda temos os chamados de dereitas e dereitas extremas; do outro lado temos aos que se veñen denominando progresistas (aquí temos que meter tamén aos nacionalistas sexan ou non independentistas). Na parte da dereita asistimos ao renacer dun novo franquismo aggiornado, aínda que ás veces se presenten tal cal, sen disimular ren. Aquí quero facer referencia aos meus anos de estudante e do profesor aló polos anos 50 e 60 do século pasado para rememorar himnos e cancións, crucifixos nas escolar, o cara al sol e montañas nevadas, etc, etc.
O problema non está no material que temos nas mans senón en que coñecementos temos para poder traballalo. Un artista que non coñeza os seus materiais cos que vai facer unha escultura ou unha pintura obviamente non lle pode sacar o mellor rendemento. É aquí onde radica o problema. Todos falamos de todo aínda que non teñamos nin puta idea de nada. Como nos centros de ensino existe un certo rexeitamento a que os educados sexan ben informados, atopámonos con que poden falar de Aristóteles ou do teorema de Pitágoras pero non lle preguntemos que entenden pola situación actual tanto económica como política. Dirán que uns son mentirosos e os outros esperan coller cacho. Non saben en realidade que ben a ser iso dos dous bandos. Eles e elas seguen o guión que lle indican os influencers de turno. Hai os que teñen millóns de visitas para coñecer que opinan sobre o salario mínimo interprofesional ou por que se dan as guerras de Ucraína con Rusia ou de Israel con Palestina, léase Hamás.
Pero que lle imos pedir a estes rapaces e rapazas que na súa vida tiveron nas mans un libro minimamente decente que lles explicara polo miúdo de que vai isto dos dous mundos. Algúns pensarán que se trata de algo histórico que ten que pasar e que, seguramente, estamos no borde dunha nova etapa da historia que sería a post contemporánea. Logo nada teñen que facer. A temos aos políticos de turno para encargarse desas cousas.
Nos últimos tempos coñecemos o famoso informe PISA no que ao parecer nos saimos moi ben parados. Pero que se lle preguntou aos estudantes nese extenso interrogatorio? Seguro que que de economía nada; seguro que de si sabían por que os países que dominan o mundo non se poñen de acordo sobre o cambio climático tampouco lles preguntaron; ou de por que nos países iberoamericanos os novos gobernos ás veces nin sequera chegan a tomar posesión, xa son derrubados polos que mandan no País que non son, precisamente, os que están interesados en que ese país mellore. Disto seguro que nada lles preguntaron e, por outra bando, tiveron razón, porque as respostas ían ser tan peregrina que daría vergoña foran publicadas.
Ese informe está pensado para coñecer se as novas camadas que diría o amigo Beiras se preparan para producir mais ou non; se van camiño de converterse nuns bos funcionarios hoxe medio humanos medio cibernéticos ou non. Se están preparados para tomar decisións que solucionen os problemas da fame, da miseria e das inxustizas que dominan o mundo diso nada se lle pregunta porque nada interesa que saiban.
E neste punto falemos dos medios de comunicación actuais. Aos que eu veño denominando, e non retiro a cualificación medios pesebristas. Son todos? Bueno, digamos que todos comen nun determinado pesebre aínda que poidan salvar algúns da queima porque ese pesebre pode conter herba mais ou menos aceptable.
Falabamos antes de progresistas e conservadores, de dereitas e de esquerdas. Isto ven determinado en función do que os medios de comunicación digan, entendan, crean ou ordenen. Porque hoxe os políticos cando se erguen da cama o primeiro que piden é saber que din os medios sobre a súa actividade, sobre os seus discursos recentemente pronunciados.
Temos un lote de xornais, emisoras de radio e canles televisivas que están marcando o rumbo aos partidos de dereitas, outro lote, aínda que un chisco máis fraco, que marcan o rumbo aos chamados de esquerdas ou progresistas. Cada día,, cada hora dende o amencer ata o final da xornada e aínda polas noites cada quen acode a ver, escoitar eses oráculos. Un presentador de televisión ten mais poder que un dirixente destacado dun partido calquera. Os políticos que pretendan chegar aos seus votantes teñen que pagar o tributo de someterse ás entrevistas, algunha con moi mala uva, destes presentados famosos.
Pero iso é o normal. Así está escrito o guión dende fai moitos, moitas anos.
O gran capital, ou sexa os que mandan no mundo, teñen ao seu dispor un montón de medios que escriben ao seu dictado. Eles non teñen que facer nada para convencernos de que merquemos tal ou cal automóbil, tal ou cal reloxo de pulseira. Diso xa se encargan os seus “criados informantes”. Cada día, cada hora están ao pé do cañón sen faltar. Nelo lle vai o seu futuro, claro está.
Os cidadáns todos, sen excepción, tragamos con mais ou menos pracer toda esa berborrea que nos lanzan dende as plataformas televisivas ou dende as paxinas a cor, para que nos provoquen mais, dos xornais diarios.
Distinguir cales son os que máis nos enganan resulta realmente complicado. Eu diría que o 90% dos lectores cren de boa fe que aquilo que eses medios lles ofrecen é o que vale, é o que deben facer e seguir. Obviamente con esta aquiescencia os gurús da información só teñen que poñer nas direccións deses medios aos homes e mulleres fieles á causa. Aqueles que demostraron fidelidade aos principios que eles teñen determinados para este puñetero mundo.
Podíamos darlle nomes e apelidos dun montón destes prohomes do mundo da información que dominan todo este espazo. Non aparecen nos créditos, pouco sabemos deles se non nos dedicamos a investigar e se non temos fontes con auga potable na que poidamos beber para coñecelos. Existen, están aí, non dan a cara ata que vexan en perigo o seu patrimonio. Entón son quen de organizar os chamados lobbys que se presentan en Bruxelas, en Washington ou onde faga falta para que todos saibamos que están aí, que non podemos ignoralos, que eles son os que mandan. Curiosamente é certo.
Ben, chegados a este punto e para non darlles mais a lata neste ano que comeza deixemos algo para novos editoriais que teñamos o pracer de ofrecerlles. Tal vez se nos ocorra facer unha relación de medios e de gurús para que teñan algo mais de información. Agora temos ás portas eleccións en Galicia, logo en Europa despois no País Vasco e así sucesivamente.
“Os xornais que dominan o espazo informativo galego xa se puxeron en marcha (…) Ofrecen enquisas que indican os que seguramente van gañar”
Os xornais que dominan o espazo informativo galego xa se puxeron en marcha. Vexan como van dándonos en forma de píldoras o que eles entenden debe ser o futuro de Galicia. Ofrecen enquisas que indican os que seguramente van gañar. Non importa o que nos tiñemos pensado votar; eles o que fan é dicirnos que non perdamos o tempo, deben gañar os deles e asunto arreglado. Verán como nos ofrecen fotos e entrevistas aos distintos candidatos pero fíxense ben, terán distintos tamaños, non todos van ser iguais. Ata pode ser que nos ofrezan entrevistas amplas de candidatos que saben non teñen a menor posibilidades de sacar un mísero deputado, pero iso non importan se o que consegue é que lle resten votos aos que si poden facerlles dano aos seus intereses eses candidatos van ter cáseque gratis a súa campaña electoral. Disto xa temos probas dabondo en Galicia.
Ben, imos rematando. Vdes. vexan, escoiten, lean e se atopan algo que lles guste vaian a por el. Nós quedamos para darlle a lata o próximo mes. Seguramente xa temos mais noticias frescas sobre estes asuntos. Páseno ben e que o 2024 veña cheo de agasallos aínda que so sexan, que xa é moito, de felicidade e boas relacións cos fillos, fillas, familiares e amigos.