A Irmandade Xurídica Galega ten pechado xa o seu calendario de actividades para este ano. Son moitas e de contidos variados, para seguir avanzando na extensión da lingua galega nos usos xurídicos. Desde que a fins da década dos anos oitenta os xulgados do Social núm. 2 de Pontevedra, de 1ª Instancia e Instrución núm.5, de Vigo e o da Estrada, precursores da normalización, presentaran as súas intencións galeguizadoras, o número de órganos xurisdicionais que se incorporaron a este proceso non parou de medrar. Certo que non na progresión desexada. Pero parello a este medre constátase un incremento significativo de operadores xurídicos que realizan as súas actividades profesionais en lingua galega.
Nas próximas semanas celebraranse nos xulgados de Arzúa, Noia e Marín os respectivos actos conmemorativos das primeiras sentenzas ditadas en lingua galega polas maxistradas Mª Isabel Suárez García, Lorena Tallón García, Sandra Piñeiro Vilas e Xermán Varela Castejón. O formato será o mesmo que os que xa se celebraron noutras localidades: descubrirase unha placa que dará fe deses feitos históricos e intervirán en cadansúa quenda avogados e funcionarios xudiciais, e a seguir procederase á sinatura dunha declaración dos alcaldes dos concellos dos partidos xudiciais respectivos, comprometéndose a galeguizaren as asesorías xurídicas.
Son varias as causas que minorizan a lingua galega nos usos xurídicos. Establecendo unha orde responsabilidades, podemos afirmar que en primeiro lugar están as institucións públicas, que debendo estimular a súa normalización, non o fan. Este é o caso das asesorías xurídicas do noventa por cento dos concellos galegos confiadas a avogados alleos a súa administración que realizan esa encomenda en castelán. Pero máis incomprensible é aínda que a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, que entende en milleiros de expedientes, non ordene aos seus letrados a cumpriren o mandato da Lei de Normalización Lingüística.
En segundo lugar, cómpre sinalar que as facultades de dereito das tres universidades galegas non teñen desenvolvido ningún proxecto pedagóxico para estimular a sensibilidade do alumnado polo uso da lingua galega. Dous datos ilustran o dito: na Facultade de Dereito da USC o 82% das aulas impártense en castelán. Cífra extrapolable ás facultades dos demais campus universitarios.
En terceiro lugar, temos que sinalar outra razón: as organizacións sociais, nas que incluímos a partidos políticos e sindicatos, non teñen feito ningún labor pedagóxico para mudaren os hábitos lingüísticos dos seus afiliados. As estatísticas demostran, por exemplo, que o número de protocolos notariais en lingua galega é insignificante se temos en conta a elevada porcentaxe de galegofalantes. A mesma porcentaxe obsérvase nas demandas que se tramitan nas oficinais xudiciais. “Algo estamos a facer mal cando o noso idioma non acada novos niveis de uso”, laiábase don Miguel A. Fernández Lorez, alcalde do Concello de Pontevedra, no acto de inauguración do monumento dedicado a Isaac Diaz Pardo. Concordo con el nesa evidencia. Se cadra teriamos que repensar a estratexia a seguir e abandonar a utilizada deica agora que lle conferíu á literatura un papel sobranceiro que non pode cumprir. A celebración do Día das Letras Galegas non ten sido exitosa en resultados. Abandonáronse espazos de uso decisivos na vida social que foron gañados polo castelán. Velai máis datos: 0 98,77% das aulas impartidas no Grao de Medicina impártense en castelán. Semellantes porcetanxes dánse noutros ámbitos académicos universitarios.
A regaleguización do País é cousa de todos: das institucións, das organizacións sociais e da cidadanía, que non debe renunciar ao seu legado cultural.