Parada de Sil | Xosé Merelles Remy, director de Turismo de Galicia, visitou este venres a nova oficina de turismo de Parada de Sil situada nas dependencias municipais remodeladas no último ano grazas a unha achega de Turismo de Galicia de 50.000 euros que cubriu case a totalidade da actuación, en total 50.287,82 euros.
Xosé Merelles puxo en valor este tipo de servizos así como o persoal que os atenden e que contribúen a que a actividade turística sexa cada vez máis importante para o desenvolvemento económico do territorio.
Referiuse aos últimos feitos públicos esta mesma mañá polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que falan de que a Ribeira Sacra foi visitada en 2024 por 161.440 viaxeiros, supoñendo un incremento de case o 21% con respecto a 2023.
Ademais, o director de Turismo de Galicia salientou incremento do 45,1% de viaxeiros internacionais que visitaron este destino o pasado ano e subliñou que “o segmento hoteleiro da Ribeira Sacra rexistrou máis de 305 mil noites, cifra que se sitúa como máximo da serie histórica”. Isto fixo que a rendibilidade hoteleira medrase nesta zona o 12% en 2024. En total, Galicia recibiu a visita de 8 millóns de viaxeiros en 2024.
As dependencias
A obra realizada nas antigas dependencias municipais destinadas a arquivo permite ofrecer unha atención máis eficiente aos visitantes que chegan a esta zona da Ribeira Sacra, un destino en crecemento que destaca polo seu patrimonio natural e cultural.
Xosé Merelles felicitou ao alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, polo esforzo que está a facer este concello pola promoción turística da zona. Parada de Sil é o único concello ourensán pertencente á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes que posúe, ademais, o distintivo Q de Calidade Turística.
Este Concello impulsou esta actuación como parte da súa estratexia para reforzar o sector turístico local e leva anos promovendo a sostibilidade coa posta en marcha dun servizo de autobús lanzadeira cara ao mosteiro de Santa Cristina.