Pardo Bazán como coartada para a Xunta de Feijóo no Pazo de Meirás

Usa o protofeminismo da escritora para rebaixar o espolio franquista do inmoble

El Diario/Daniel Salgado | A Alberto Núñez Feijóo custoulle escoitar o clamor social pola devolución do Pazo de Meirás. Aínda en maio de 2017 ordenaba ao seu partido votar en contra de que o Parlamento galego reclamase ao Congreso “a recuperación para o público” do inmoble en mans dos Franco.

Pero a mobilización de historiadores e colectivos en defensa da memoria democrática e antifascista, algunha recolocación no interior do grupo parlamentario popular e a saída de Rajoy do Goberno de Madrid acabaron por obrigalo a cambiar de opinión. Agora que xa se arroga papel protagonista no proceso, iniciou unha nova manobra: usar a figura da escritora Emilia Pardo Bazán, propietaria do pazo ata 1921, como escusa para rebaixar a memoria do espolio franquista que encarna Meirás.

“Debemos restituír a esencia de Meirás. Convertelo nun faro de igualdade sen esquecer a etapa franquista”, dixo o presidente da Xunta tras a reunión entre administracións que, o pasado mércores 9 de decembro, abriu as conversacións para definir o futuro da fortaleza. Apenas unhas horas antes, ao termo do Consello semanal do seu gabinete, referiuse a un “plan de usos” baseado na figura de Pardo Bazán (A Coruña, 1851-Madrid, 1921), un das iconas, ao seu xuízo, “máis importantes da cultura e a literatura galega e o feminismo”. Entón obviou mencionar o franquismo e o feito de que o lugar foi, durante 82 anos, residencia do ditador e a súa familia.

A apostila posterior engadida por Feijóo talvez derivouse do desencontro coa vicepresidenta do Goberno central, Carmen Calvo, cos rexedores da Coruña, Inés Rey, e Sada, Benito Portela, e co presidente da deputación, Valentín González Formoso, abertamente partidarios de que a memoria histórica da ditadura teña en Meirás un lugar destacado. Só dous días despois, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presentaba as “liñas de acción” do seu proxecto para o lugar. “Non queremos que sexa o Pazo de Franco, senón o Pazo de Emilia Pardo Bazán”, asegurou Rodríguez, “os galegos non debemos vivir de costas ao pazo nin avergoñarnos do seu pasado, senón reivindicalos como un espazo de cultura, de concordia e de visibilización da igualdade”.

“Non queremos que sexa o Pazo de Franco, senón o Pazo de Emilia Pardo Bazán” 

Nesas liñas si reservan as zonas verdes do lugar á “memoria e reflexión sobre a ditadura”. A Xunta pretende organizar un “xardín da liberdade como auténtico espazo para a memoria e a reflexión sobre a ditadura, o papel das mulleres durante este período histórico e na actual democracia, que sirva en definitiva como recordo e reparación das persoas represaliadas e perseguidas polo totalitarismo e a intolerancia”.

Nada semellante é o que reclaman activistas pola memoria histórica, a esquerda política de BNG ou PSdeG ou algúns dos historiadores máis implicados no retorno da propiedade ao público: un centro sobre a memoria histórica democrática tamén aberto a investigadores e estudosos. En todo caso, as administracións aínda non acordaron de quen será a titularidade do inmoble. O Goberno autonómico preténdea para si. Tamén o quere o Bloque, pero cando terminen os preitos cos Franco, que se poden alongar aínda tres ou catro anos.

Un caso práctico de utilización política da literatura
Os movementos de Feijóo e o seu repentino interese por Emilia Pardo Bazán representan unha mostra acabadísima da utilización política da literatura. Así o entende o profesor de literatura contemporánea da City University de Nova York Álex Alonso Nogueira. “Está a lerse a Pardo Bazán dun modo moi basto”, explica, “pero en realidade a escritora é instrumental. Porque, cando foi a Xunta ou a súa Consellería de Cultura á rúa Tabernas? Cando editaron algún dos seus libros ou o seu epistolario?”.

Na rúa Tabernas da Coruña atópase a sede da Real Academia Galega. O edificio tamén foi vivenda da autora de Os pazos de Ulloa (1887) e na actualidade alberga o groso da súa biblioteca, máis de 7.000 volumes aínda por catalogar. O resto, ata un total de 10.000, está en Meirás.

A instrumentalización que sinala Alonso tamén a percibe Helena Miguélez- Carballeira, catedrática de Estudos Hispánicos da Universidade de Bangor, en Gales. “Entendo que esta é unha estratexia para difuminar a imaxe de Meirás como lugar do espolio, a pillaxe e da violencia franquistas en Galicia”, asegura, vía correo electrónico, “e substituíla por unha en que a Xunta poida seguir dando continuidade ao seu proxecto cultural identitario (estou segura de que o proxecto memorialístico que xa planea o Estado tentará desenvolver, sen dúbida, outro modelo propio): unha Galicia rexionalizada en perfecta sintonía, e mesmo contributaria, co ideario nacionalista español”.

“Entendo que esta é unha estratexia para difuminar a imaxe de Meirás como lugar do espolio, a pillaxe e da violencia franquistas en Galicia”

A figura de Pardo Bazán serve á perfección como arma nesta batalla. A principal expoñente desa hipóstases do realismo que se chamou naturalismo, novelista de tremendo éxito na súa época e inevitable na historia das letras españolas do XIX, foi ademais unha intelectual pública de referencia, sempre presta á intervención. E si, defensora da igualdade da muller, por momentos radical, pero de maneira condicionada polo seu clasismo. “Tivo unha profunda vocación por participar na esfera pública nun tempo en que isto non lle era dado ás mulleres”, esténdese Miguélez-Carballeira, “a súa maneira de desenvolver un proxecto autorial de amplísima envergadura implicaba, en efecto, reclamar o principio de igualdade entre os sexos, pero emulando o ideal masculino”.

Alonso Nogueira, que tamén destaca o seu feminismo e as dificultades coas que tropezou pola súa condición de muller entre a elite literaria da época, sitúaa politicamente: “Foi unha liberal, pero unha liberal reaccionaria. Non é para nada democrática. E aínda que tiña unha idea da igualdade de xénero, para nada unha de igualdade de clase”. Á fin e ao cabo, considera, funcionou como unha das máis emblemáticas intelectuais orgánicas do nacionalismo español, “moi belixerante co que entón era o nacionalismo galego”.

Foi unha liberal, pero unha liberal reaccionaria. Non é para nada democrática. E aínda que tiña unha idea da igualdade de xénero, para nada unha de igualdade de clase”

Emilia Pardo Bazán tamén pasou á historia polas súas relacións con Rosalía de Castro, o monumental poeta cuxa obra marcou o renacemento da literatura galega a partir de mediados do século XIX. E estas non foron doadas, senón marcadas por un profundo desacordo político.

O discurso de Pardo Bazán á morte de Rosalía expoñíao crudamente: a poesía escrita en “lingua rexional” ten límites para a súa difusión e mesmo de materia a tratar, e Follas Novas (1880) –unha das grandes obras de Rosalía de Castro, rebelde e complexa, fundacional– “repite queixas moi prodigadas na enfermiza poesía lírica de medio século acá”. “Esa intervención condensa á perfección a súa visión de Galicia como rexión cultural, sen lexitimidade histórica para soñar cun proxecto de soberanía política, aberrante para Pardo Bazán”, debulla Miguélez-Carballeira, “pero perfectamente apta como campo cultural subsidiario ao español, no que ensaiar poesía lírica, viñetas costumistas e novelas desfasadamente románticas”.

Exactamente contra esta concepción submisa despregouse a historia político cultural do galeguismo desde entón ata a actualidade. “Rosalía defendía unha cultura subalterna, plural”, de abaixo; Pardo Bazán, “unha cultura hexemonista, con ansias de homoxeinización española”, acerta a resumir Alonso Nogueira, “e o que hai entre elas é unha especie de loita pola representación simbólica de Galicia”. Que agora lle vén ao xeito á Xunta de Alberto Núñez Feijóo para resignificar o Pazo de Meirás e facelo da man dunha autora pouco problemática para as súas teses ideolóxicas e culturais.

A consellería e os congresos
A ofensiva do Goberno galego para diluír o pasado franquista de Meirás desatouse cando, o pasado setembro, unha xuíz da Coruña ditou a histórica sentenza que obrigou á familia Franco a ceder o pazo ao Estado.

A Consellería de Cultura non tardou en sumarse ao anuncio dun “congreso internacional” sobre Emilia Pardo Bazán organizado pola Universidade da Coruña e dirixido polo catedrático José María Paz Gago. O curioso é que a Real Academia Galega levaba meses preparando o seu propio seminario de especialistas, a cargo de José Manuel González Herrán e á marxe da batalla xurídica: a Academia programárao para o centenario da morte da escritora o ano que vén.

Na presentanción do novo conclave, hai apenas unha semana, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, repetiu o mantra ao afirmar que “Meirás é máis pardobazanista que franquista”. Sumouse a iso Paz Gago: “Non temos que identificar Meirás con Franco senón con Pardo Bazán”. Será en setembro de 2021.

“En Meirás hai dúas memorias ben claras”, sostén Emilio Grandío, profesor da Universidade de Santiago implicado desde hai anos no rescate da memoria do lugar, “unha é rotunda: fóra de Galicia, en calquera parte, Meirás significa franquismo. A outra é a de Pardo Bazán. Non entendo que unha memoria deba excluír á outra”.

“En Meirás hai dúas memorias ben claras (…) unha é rotunda: fóra de Galicia, en calquera parte, Meirás significa franquismo. A outra é a de Pardo Bazán. Non entendo que unha memoria deba excluír á outra”.

Grandío lembra con todo que a mobilización social que desembocou o 10 de decembro na entrega das chaves foi “para retirar a propiedade aos Franco, non para reivindicar a Emilia Pardo Bazán”. A función da súa profesión foi decisiva: o libro dos seus colegas Carlos Babío e Manuel Pérez Meirás, Un pazo, un caudillo, un espolio (2018), editado pola Fundación Galiza Sempre -vinculada ao BNG-, fundamentou boa parte das argumentacións. Grandío estima que a sociedade galega é “suficientemente madura” como para recibir versións críticas da historia contemporánea e que o Pazo de Meirás é un lugar idóneo para iso.

Sería ademais único en Galicia: unha das primeiras medidas do primeiro goberno de Alberto Núñez Feijóo, alá por 2009, foi desmantelar o memorial antifascista da Illa de San Simón, na ría de Vigo, que fora un campo de concentración franquista.

Talvez nas súas palabras haxa un eco do historiador italiano Enzo Traverso que, á mantenta dos debates recentes sobre leis de memoria histórica, escribía: “Estas non encadean o pasado nin penalizan a súa negación; simbolizan o recoñecemento dunha responsabilidade histórica sen a cal unha democracia non sería nin crible nin sólida”.

Tomado e traducido de eldiario.es 

elDiario.es é un medio de comunicación dixital fundado en 2012 por un grupo de xornalistas que non se dá por vencido, a pesar da crise, a pesar das presións do poder, a pesar da falta de credibilidade da prensa. Cremos no xornalismo, a pesar de todo.