Santiago de Compostela/PSdeG | O Parlamento de Galicia vén de aprobar a proposta conxunta de PSdeG e BNG para que a CRTVG impulse a canle ‘Xabarín’ de televisión infantil e xuvenil en galego. A proposición non de lei, que nace dunha iniciativa popular impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística, foi aprobada por unanimidade polo Pleno da Cámara.
A voceira de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, defendeu que a nova canle sexa unha “oportunidade” de que a nosa infancia e mocidade “socialicen en galego”, o que supón “abrirlle todo un abano de posibilidades de goce e diversión na nosa lingua nun momento como o actual no que as pantallas se teñen convertido case nos novos xoguetes das e dos máis pequenos”.
“A voceira de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, defendeu que a nova canle sexa unha ‘oportunidade’ de que a nosa infancia e mocidade ‘socialicen en galego”
“Con esta proposición que asumimos hoxe as nenas e nenos, e os non tan novos, terán a oportunidade de crecer no seu idioma”, reivindicou a responsable socialista cando, ademais, nos atopamos ás portas da conmemoración do Día das Letras Galegas.
A socialista lamentou que, na actualidade, “o número de series ou películas que poden verse no noso idioma é tan irrisorio que non dá nin para falar de porcentaxes” e, de feito, xa “quedou constancia da inexistencia do galego nas diversas plataformas audiovisuais que existen no Estado”, segundo un recente informe da Mesa pola Normalización Lingüística.
Nexte contexto, Díaz censurou que Galicia sexa a única comunidade con lingua propia que carece dunha canle continuada de programación para a nenez ao tempo que “en Cataluña dispoñen da canle Super3 e en Euskadi teñen Hiru3”. A deputada sinalou ademais que “o goberno vasco e catalán chegaron a acordos coas operadoras Movistar+ e Vodafone TV para que emitan os seus contidos, asegurando así que na ampla oferta destas plataformas audiovisuais tamén se integran os seus idiomas”.
“Díaz censurou que Galicia sexa a única comunidade con lingua propia que carece dunha canle continuada de programación para a nenez ao tempo que ‘en Cataluña dispoñen da canle Super3 e en Euskadi teñen Hiru3”
“Galicia non pode quedar atrás”, incidiu Díaz, quen resaltou que as familias queren ter “o mesmo dereito que noutros lugares”, xa que isto “é un dereito, non un capricho” e o mero feito dunha canle con contidos infanto-xuvenís en galego sería “un paso importantísimo para manter o galego vivo e loitar contra a, cada vez maior, desafección da xente nova pola nosa lingua”.
Así, a responsable socialista destacou que “a promoción da nosa lingua en todos os ámbitos e espazos é unha obriga estatutaria do goberno galego”. De feito, subliñou que “é abundante a literatura normativa que recolle a importancia estratéxica do sector audiovisual para a normalización das linguas” e que “garante o dereito da cidadanía de recibir contidos nun contexto de pluralismo cultural e lingüístico”.
Por último, Díaz lembrou que a proposta hoxe aprobada ten o respaldo dunha iniciativa popular presentada pola Mesa pola Normalización Lingüística “que recolle o sentir de moitas persoas” cando se recolleron máis de 33.000 sinaturas en toda Galicia.
“Recuperemos ese sentir de toda unha xeración que a comezos dos anos 90 enganchou cun Xabarín e canturreaba en galego, que sentaba a mirar a Chin Chan en galego. Fagámolo como hoxe, en positivo, entendendo a normalización da nosa lingua como o natural, como a obriga que ten a política de asegurar espazos de socialización e garantir a supervivencia da nosa maior riqueza entre a xente máis nova”, concluíu.
“Recuperemos ese sentir de toda unha xeración que a comezos dos anos 90 enganchou cun Xabarín e canturreaba en galego, que sentaba a mirar a Chin Chan en galego. Fagámolo como hoxe, en positivo, entendendo a normalización da nosa lingua como o natural”
Texto definitivo aprobado
O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:
1. Que a Corporación de Radio Televisión de Galicia aumente a oferta en galego destinada á infancia e mocidade a través do reforzo e a promoción das catro canles dixitais infantís Xabarín coas que conta a CRTVG. O sinal destas canles sería distribuído a través dos paquetes básicos das operadoras de televisión por fibra óptica, satélite, adsl e tecnoloxía móbil, con programación dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñible en todos os dispositivos e plataformas de contidos audiovisuais, así como App actualizadas que conten ademais con programas e xogos co fin de garantir nesta canle en galego, a presenza de contidos atractivos, de éxito, actuais e pasados, así como contidos educativos e de produción galega.
2. Reclamar do Goberno de España que dentro do marco das súas competencias promova as medidas precisas para que a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App.
3. Instar o goberno español a impulsar o cumprimento do contido dos artigos do Anteproxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual onde se recolle a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda.”
4. Así mesmo o Parlamento insta ao goberno galego a chegar a acordos con outras administracións e empresas co fin de garantir a opción dobrada e lexendada a galego en todas as plataformas dixitais de televisión, así como a impulsar o avance das accións necesarias para a recepción mutua TVG-RTP en Galicia e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou minoritarias, tendo en conta as súas condicionantes técnicas e económicas para o tecido productivo e publicitario, e da simetría no alcance de audiencias.