Santiago de Compostela/PPdeG | O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central que implante bonificacións nas peaxes da autoestrada AP-53, “é a máis cara de Galicia e unha das 20 máis custosas de toda España”, sinalou o portavoz de Infraestruturas, Diego Calvo.
“Non é xusto que os galegos, que residimos nun territorio periférico, teñamos que afrontar o esaxerado custo desta autoestrada”
“Non é xusto que os galegos, que residimos nun territorio periférico, teñamos que afrontar o esaxerado custo desta autoestrada, que ademais é a única que non conta con bonificacións nin por parte da administración propietaria nin por parte da empresa concesionaria”, argumentou Calvo, que sumou esta situación ao “continuo desprezo” do Goberno de Pedro Sánchez a diferentes sectores produtivos de Galicia.
“Por desgraza, este asunto é vello, repítese no tempo e vense a sumar a moitos máis que están afundindo a Galicia nunha crise maior da que xa provocou a pandemia sanitaria”, continuou Calvo.
A este respecto, fixo referencia ao peche indiscriminado de industrias como Alcoa, Vestas, Siemens ou Endesa e ao seu impacto na poboación; á suba de impostos ás clases traballadoras; ao abusivo prezo da luz sen que o Goberno faga nada por impedilo; aos intentos de modificar á Lei de Costas co conseguinte prexuízo para a cadea mar-industria; ou os incumprimentos de compromisos e os continuos retrasos e impedimentos para a cesión da titularidade da AP-9 á Xunta.
“Estamos cansos de que cada decisión que toma o Partido Socialista en Madrid, apoiado polos seus socios do BNG e aplaudido polos socialistas galegos, supoña máis dano aos galegos”, matizou Calvo, que agradeceu o apoio de toda a Cámara á solicitude dunha rebaixa nas peaxes na autoestrada AP-53 no tramo Santiago-Lalín similar á aplicada na AP-9.
Competitividade empresarial
Para argumentar a proposta, o deputado popular explicou que a existencia de autoestradas de peaxe nos territorios periféricos condiciona negativamente a economía das familias e tamén das empresas, que vén reducida a súa competitividade “porque os seus desprazamentos son máis longos e, no caso das autovías estatais en Galicia, máis custosos”.
Fixo fincapé en que, grazas ao traballo da Xunta de Galicia, conseguíronse rebaixas na AP-9, aínda que tarde e de xeito insuficiente, e que agora “é o momento de completar o xa feito e aplicar bonificacións na autoestrada “que vertebra a zona interior da nosa comunidade”.
“A alternativa que teñen os usuarios desta vía de peaxe é a estrada N-525, cunha gran intensidade de tráfico, moito do cal é de camións, con escasos treitos con terceiros carrís e que atravesa moitas poboacións con velocidade limitada”, apuntou o voceiro popular, que reclamou dos deputados do BNG e o PSdeG “altura de miras e vontade política para acabar dunha vez cos agravios aos galegos”.