Son consciente de que o tema dos animais de compañía ten cousas positivas e tamén aspectos para a discrepancia polo que a controversia está asegurada. Mais despois de escoitar o meu compañeiro de andaina musical Antonio, sen ánimo de ferir a ninguén, penso que nalgúns aspectos hai xente que se está pasando de voltas.
O meu amigo chegou hai uns días á xuntanza semanal un tanto abraiado, pois viu como unha moza falando co seu cadelo lle atribuía, con moita naturalidade o pequeno animal, unha serie de cualidades como si estivera dialogando cunha persoa. O meu amigo case espantado polo que escoitaba non paraba de rir e dicía: non sei onde imos chegar. A moza en cuestión falaba co can: “Te tengo dicho que, cuando venga unha persona por la acera, hay que dejarle paso… así que ya lo sabes, No te lo repito mas…” O meu compañeiro que tamén ten cans na súa finca e que os coida, non saía do seu abraio.
E a verdade é que semella que nesta sociedade actual ademais de non distinguir entre o necesario e o superficial, ou se o prefiren entre o razonabel e o esaxerado, comenzan a verse, non sei se chamarlle modas ou debilidades, que xa se consideran polos que exercen o poder político, ou sexa os que nos gobernan, como algo que hai que atender de maneira urxente. Claro, deixando ó marxe outras cuestións humanas que si son moi necesarias e precisan máis axuda.
“Semella que nesta sociedade actual ademais de non distinguir entre o necesario e o superficial, ou se o prefiren entre o razonabel e o esaxerado, comenzan a verse, non sei se chamarlle modas ou debilidades”
A moda de ter un cadeliño supera con moito o que antes era case unha obriga nas casas do rural. Pois en case todas elas había un can da raza Palleiro que axudaba nalgunha das labores como a de gardar o gando, dar sinal se alguén viña á vivenda e tamén facer compañía. Mais nos tempos que corren os cans ben ornamentados e vestidos comenzan a ser máis ca un compañeiro, pois pasan a seren un xoguete do que presumimos e ó que lle atribuímos cualidades como as que fixeron rir e moito ó meu compañeiro. Logo cando pasa un tempo e xa o animal non fai gracia e ademais da traballo, en moitos casos chega o abandono.
Visto que a día de hoxe hai moitos máis canciños que rapaces que nacen; que moitas mozas novas prefiren ter un can no canto dun descendente, e que cada día hai máis defuncións que nacementos, o asunto merece unha fonda reflexión. Pois algunhas persoas con moita retranca, din que haberá que ir pensando en meter ós cans, dalgunha maneira nunha hipotética seguridade social; dado que son moi importantes para o lecer. E mira que o tema importa que ate a Xunta anunciou hai un tempo axudas de 150 euros pra quen saque algún destes animais das garderías onde están esperando por un amo.
Nesta nosa sociedade comezamos a ter a vista un tanto desviada. Comezamos a perder o norte. Pois entendo que ós animais hai que tratalos ben, máis, por moito que digan algúns que os cans son o mellor amigo do home, non convén pasarse de voltas atribuíndolle cualidades que nos son propias ós humanos.
A outra cuestión é que, a día de hoxe, os organismos públicos andan a recortar axudas ás persoas maiores que viven en soedade, como é o caso de Ourense onde se eliminou o Comedor sobre Rodas, ou na Xunta onde os cartos pra dependencia sempre andan moi escasos, e pola contra incentívanse cuestións como a referida anteriormente.
Que certos animais cumpren unha función social importante, penso nas persoas sen visión ou mesmo nas casa do rural, pois si. O demais non está mal, pero nalgúns aspectos que sinalei semella que estamos perdendo o norte.
Corren tempos onde hai certo desatino nos obxectivos das administracións públicas. Corren tempos onde, por aquelo de quedar ben con colectivos, quedan ó pairo cuestións humanitarias urxentes.
E non se trata de terlle fobia ós cans e os animais en xeral. Non. Trátase de ter sentidiño. En fin, o meu compañeiro e amigo penso que ten moita razón, polo que, por moito cariño que lle teñamos ós animais, por moi fieis que nos sexan, atribuírlle moitas das cualidades que temos os humanos é pasarse de voltas.