Día da Patria Galega, día de moita luz, de encontros, de esperanza. Este ano é máis notoria a diverxencia entre siglas, e non falan de amor. Din mirar polo Noso e en realidade miran polo deles ou, directamente, para outro lado. Cada ano é maior a distancia, seguen instalados na rosma verborreica de salón, esa que envolve palabras e actitudes irreconciliables, por mor de nada, cousa tonta de aparencias. Si, resúmese doadamente: primeiro eu, despois nós, despois –se cadra- o Pobo. Esa actitude falta de coherencia e entrega, sen matices, levada polos desafectos e desarraigos que son os que nos acaban. Seguen nesa diverxencia que intenta darlles protagonismo e, dentro del, certa credibilidade. Pero que nos vai esnaquizando. E non teñen a ilusión nin a ansia de facernos cómplices do seu proxecto, calan compracidos nas mesmas normas e soldadas que impuxeron os que xa antes mandaban, e outros porque edulcoran enrabechadas mentiras no formato de palabras sen feitos. E non falan de amor, axúdanse de certas consideracións sacadas de contexto, citas de persoas ás que ousan traer a colación para dar aspecto de rigor das súas pobres manipulacións que colman o despropósito de tan ruín traizón.
“Que queiran que non, Galicia é unha nación!” Este era o canto marabilloso e marabillado, o máis maioritario da marcha o pasado ano, o máis coreado por todos e que vén de moitos anos atrás, amosándosenos cada vez máis máis espellismo. Por mor deles, que non se chantan en pé de dignidade responsable, simplemente esixindo o que é noso! E non falan de amor.
Vén aí de novo o día de proclamarnos a nós, de reivindicarnos Nós e na Casa, donos e sen amo. Pero pasa o día e non queda sequera o pouso da loita intelixente e necesaria, dese ir xuntos para ser fortes e facer forza, dando exemplo de que é antes a Patria cá nós mesmos e os nosos intereses particulares, as nosas comenencias. Mentres tanto, na tele e nos medios de confusión, outros no salón das súas poltronas, din eufonías compracidas de soños, cantos de sereas xa sabidas traidoras. Chámanlle Día de Galicia, do Patrón, do Apóstolo, da autonomía, do orgullo nativo, mexericadas! Outro paso atrás. E non falan de amor. Uns e outros van con eufemismos compracidos acadando minutos de gloria en forma actuacións, exposicións, publicacións, postos de traballo, cancha para significarse e ser pezas do puzle e famoseo pailán, intermediarios da miserable escusa -que non razón. É notoria a distancia que nos separa. A súa é a provocación e as desacougantes ameazas de quen organiza eventos, premios, xacobeos, marchas fúnebres, medallas de Galicia, subvencións e outras componendas. Seguen á defensiva e ofendendo, como fan os traidores, á procura de votos, mediando consolos, protexidos en verbas que se asocian aos conspiradores da patronal, da banca corrupta, das minas, dos eólicos, dos cemiterios de lixo, dos “lodos noxentos” contaminantes co patrocinio de grandes señores de lonxe e ricos, envelenados na culpa que nos desposúe e nos quita a propiedade do Noso. E non falan de amor. Incitan, promoven novos e vellos rexeitamentos. Están a anos luz, cos que secundan desde o silencio e a sombra –digamos, medios de expansión, lacaios e servís danzantes dun paripé que, xa obsceno, acada cotas de mala educación e mentira.
Tamén nos afecta o dano da ignorancia. Fixeron tanto dano, nos últimos gobernos, contra nós, a Cultura, o rural, a paisaxe, a infraestrutura pública, as empresas, a dignidade das persoas, a ledicia e a tenrura, a ilusión, …tanto fixeron que nos roubaron os dereitos acadados, o futuro que foi quen nos quitou a vontade de ser, acomplexándonos para defender o alleo antes que o propio, e levarnos o propio. E non falan de amor, do amor ao propio. A esta Patria que os padeces, esta a Nosa, a única que é Nosa malia a eles. Por ter Lingua exclusiva, importantísima para a existencia, a mesma que nos negan e grazas á que eles gobernan este desatino. Mentres non amosemos a honra de ser quen somos, seremos incapaces de poñernos de acordo, mesmo no nome da Nación! Pasará o día e para moitos será un día máis pero ninguén poderá negarnos o noso dereito a ser propietarios da Nosa Casa, sen alugueres, que sempre son caros. Non claudicaremos, nin deixaremos de exercer a vontade de ser. Por riba de todo, non quereremos ser coma eles, os que non falan de amor. E anque brinden felices de vernos divididos!
E non falan de amor!