Salvaterra de Miño/BNG | A Asemblea Local do BNG en Salvaterra de Miño elixiu por consenso e unanimidade a candidatura de Patricia Mariño Rodríguez, como cabeza de lista para as vindeiras eleccións municipais de 2023.
Mariño asume o reto de encabezar o BNG Salvaterra co obxectivo claro de que “este grupo sexa unha forza determinante na configuración do próximo goberno que saia das urnas”, indica a avogada salvaterrense.
Patricia Mariño naceu en Fiolledo, realizou os estudos básicos na vila veciña de Ponteareas, licenciouse en dereito na Universidade de Vigo e fixo un mestrado en práctica xurídica, especializándose en laboral.
É unha muller exemplar e polivalente que concilia a vida familiar en Fiolledo ao tempo que exerce de avogada na CIG, onde defende con tesón os dereitos da clase traballadora. No plano político, Mariño exerce de Concelleira con paixón e constancia dende 2007. Dende comezos deste ano tamén o fai como portavoz.
Soña cunha Salvaterra “economicamente solvente, cunha Atención Primaria e Servizos Sociais a altura do que precisa Salvaterra, con servizos básicos de calidade nas 17 parroquias e coa posta en valor do amplo tecido asociativo do noso Concello”, destaca.
Amamos Salvaterra
Co gallo da presentación da cabeza de lista, dende o BNG Salvaterra aproveitamos para presentar o que será o noso slogan para a campaña das eleccións municipais de 2023: Amamos Salvaterra. Unha frase concisa, coa que queremos dar a saber a todas e todos os salvaterrenses que buscamos, dende o corazón, mais con cabeza, o mellor para esta vila.