Son innumerables os estudos e investigacións producidos sobre o patrimonio dos pobos dende a súa amplitude. Cando nos referimos ó patrimonio material, sempre se nos vén á mente diversas infraestruturas creadas ó longo da historia: Coliseo romano, Termas de Caracalla, restos prehistóricos varios, etc. Ó tratar o patrimonio cultural inmaterial, rememoramos calquera dos cinco compoñentes que a Unesco estableceu dentro deste apartado. Se ben, ó referírmonos á culinaria e o herdado entorno a esta, deberíase pór máis en valor ese coñecemento de cara á poboación.
Non cómpre imaxinarse que, no final dos capítulos de Astérix e Obélix cando se producía ese xantar, a inmaterialidade transmitida sería inmensa. Edadepiédrix rememorando os seus contos pasados, Asurancetúrix (o bardo) entoando cancións populares mentres o resto bailaban, e se observaba os xabaríns que Obélix traía na gran mesa onde todos comían. Incluso durante eses capítulos se observaban certas crenzas e supersticións, representada por Abraracúrcix e o medo a que o ceo caera por riba súa.
Se ben os celtas, non se caracterizaban só por comer eses xabarís (caza), os alimentos tamén proviñan da agricultura, gandería ou da pesca. Onde tamén proliferaban xa a elaboración dos seus alimentos.
Que maxestosos xantares coñecemos procedentes desta civilización? O principal prato que non debe faltar na mesa é o pan, concretamente elaboraban o pan de belota, aínda que nos sone amargo, non dubido do seu bo sabor. Pois mantívose como prato durante anos, incluso era común á cociña de outros pobos.
Outro produto que os galegos coñecemos bastante ben, estando presente aínda hoxe en día por riba do noso mantel é o caldo, de gran sona e fama para a xente fóra do noso territorio. Cantos de nós lembramos ese fermoso pote negro co que os nosos avós e avoas o fervían? Pote, equiparable en parte co de Panorámix que empregaba para facer as súas pocións. Aínda que variara a receita deste prato co paso dos anos, a súa base segue estando presente, véndose unicamente modificada a castaña pola entrada da pataca. Se ben, claro está, cada quen elabórao actualmente como lle parece.
Seguindo esta reseña a entrada da pataca, provocaría unha variación en diversos pratos da súa forma tradicional, en moitas destas receitas obsérvase como este tubérculo incorporouse en diversas comidas, moitas veces como simple acompañante de tan exquisitos bocados.
Quizais puideran ter unhas comidas moi nutritivas e equilibradas, pois por dicilo dunha maneira coloquial… “comían de todo” e “do que había” ou mellor dito, que producía a nai natureza. Non nos podemos esquecer das mazás como alimento importante da súa dieta. Nin dos acompañamentos como as bebidas (cervexa, auga, hidromel…) presentes nas súas cuncas de barro.
Moitas nacións e rexións herdeiras dos celtas, seguen mantendo esa cultura celta daquela cociña en parte non perdida, aínda que segundo máis transcorre o devir do tempo, esa tradición culinaria auténtica pasa para o esquecemento da poboación, ficando relegada a un segundo plano ante as novas combinacións de produtos e a introdución de outros.