A morte súpeta e temperá da alcaldesa de Lugo deixou abraiada á cidadania luguesa, mais tamén impactou na Galicia toda, onde Paula Alvarellos, polo seu xorne e actitude vital, contaba con moitas amigas e amigos que foi gañando ao longo das distintas épocas da súa vida. Sen dúbida na conmoción cidadá contan moito as circunstancias da súa morte, mais tamén a calidade humana, profesional e política da persoa. Mesmo o tempo e circunstancias da súa tráxica morte fálanos da súa dispoñibilidade a respecto da cidadanía e da subordinación da súa comodidade persoal ao servizo público.
Paula naceu na vila do noso bardo Eduardo Pondal, cabo de pinal espeso, na belida Ponteceso, no esteiro do río Anllóns cantado polo poeta, que forma a ría de Laxe e Corme. Unha paisaxe doce e amábel no corazón da fera Costa da Morte. Mais, sen renunciar nunca á súa amada raizame bergantiñá, elixiu ser luguesa e en Lugo fundou a súa familia, demostrando ao longo da súa vida que as identidades, cando partilladas, melloran as resultas e —tamén— que cada quen pertence ao lugar onde vive, traballa e ama.
Paula tiña unha calidade humana moi importante e non moi espallada: sabía distinguir a persoa (como valor permanente) da súa concreta función ou posición, esencialmente mudábel. É dicir, valoraba á persoa como ser humano e por iso creaba ao seu redor un clima de confianza e distensión, que favorecía o diálogo, acadando que todos estivésemos cómodos no trato persoal, sen prexuízo das ideas, visións ou intereses que tivera cada quen. Unha virtude rara, malia que decisiva para o exercicio da avogacía, que esixe combinar o respecto polos dereitos de todos coa defensa teimuda dos intereses do teu cliente, mais tamén para desenvolver a xestión democrática dos intereses públicos. Velaí a concorrencia en Paula das dúas vocacións: a da avogacía e a do servizo público que desenvolveu a prol da cidadanía de Lugo.
“Paula tiña unha calidade humana moi importante e non moi espallada: sabía distinguir a persoa (como valor permanente) da súa concreta función ou posición”
Dende esa cosmovisión humanista e dende esa cordial humanidade, dende o respecto e o diálogo con todas as persoas xerando espazos de achegamento e relación distendida, puido desenvolver Paula unha xestión eficaz e eficiente, como concelleira-delegada e despois como alcaldesa, en tempos ben difíciles. Un servizo público alicerzado no diálogo e na negociación, mais tamén no rigor na xestión e no xurídico, tentando sempre unha interpretación progresista da legalidade democrática, na que conxuntaba a súa vis xurídica coa súa vis de xestora pública.
Paula atendeu á convivencia democrática no respecto ao Estado de Dereito e a conxugar os distintos intereses nun proxecto de cidade harmónico, con especial sensibilidade por aqueles colectivos máis vulnerábeis, como as persoas que saen do cárcere.
Unha vocación que xa exercera como avogada dende a Asociación Concepción Arenal, como tamén defendeu os dereitos das persoas consumidoras dende a asesoría xurídica de ACOUGA en Lugo.
Velaí as manifestacións de dor e agarimo destes días, nos que Lugo e Galicia enteira quixo homenaxear Paula Alvarellos. Nos que o pobo, que é quen máis ordena, agradeceulle o seu traballo e entrega a prol do público e afirmou nidio e claro que Paula era un dos seus referentes.